En portadaÚltima hora

A Estación de Montaña de Manzaneda abrirá por completo o 12 de xuño con 17 actividades diferentes

Esta mañá presentábase a nova oferta da estación para a tempada de verán, nun acto que contaba coa asistencia do vicepresidente primeiro da Xunta e do presidente da Deputación, entre outra autoridaes

 

Ata 17 actividades diferentes e novas, pensadas para todas as idades e tendo no punto de mira, de xeito especial, ás familias. Esta mañá presentábase a novidosa oferta de actividades da tempada estival Estación de Montaña de Manzaneda, cuxas instalacións se abrirán por completo ao público o vindeiro sábado 12 de xuño. Artabria Turismo, empresa que xestiona a estación, aposta por ofrecer este verán unha proposta alternativa de turismo activo e de natureza que axudará a desestacionalizar a oferta turística do complexo e atraer visitantes durante todo o ano e non só na tempada de neve na estación de esquí.

Este acto contaba coa asistencia do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do de delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alen, así como do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; e do alcalde en funcións de Trives, Miguel Sierra; Albert Montaner, responsable de Artabria Turismo.

Así na vindeira fin de semana incorporaranse outras actividades como unha tirolina xigante de 250 metros, un parque multiaventura, xogos tradicionais, cintas slackline, circuítos de orientación e tiro con arco. Para desfrutar das paisaxes e o entorno natural que ofrece Manzaneda tamén se poderá usar o telesilla turístico ou realizar rutas de sendeirismo e marcha nórdica. A curto prazo prevese que se sumen a esta oferta o paintball e rutas a cabalo. Tamén se poderá facer uso das instalacións deportivas como a piscina ou o pavillón deportivo ou desfrutar do circuíto termal no spa.

 

Albert Montaner, responsable de Artabria Turismo, xunto ao vicepresidente primeiro da Xunta e ao presidente da Deputación.

 

“En toda esta reestruturación baseámonos en tres puntos moi claros: na oferta, con máis de 17 actividades novas; ademais imos con este empuxe cara ás familias e a que haxa actividades para todas as idades. Todo iso unido a unha nova política de prezos e de entradas moito máis accesible para que poida vir toda a familia e que non sexa restritivo. E logo, sobre todo, que  poidamos aproveitar a estación todo o ano. Abrir todas as fins de semana ao ano e festivos e as tempadas fortes de verán do 24 de xuño ao 11 de setembro e xa no inverno, dependendo da neve que teñamos”, aseguraba Albert Montaner, que agradecía nesta posta en marcha o esforzo do director da estación, Víctor Picos, así como o labor do equipo humano de MEISA. “Hai unha xente moi comprometida, moi consciente do que significa Manzaneda para a comarca, incluso para as súas familias, levan moitos anos traballando aquí e vese no esforzo que lle dedican e no cariño que lle poñen no seu traballo”.

Alfonso Rueda incidiu en que estas actividades e as que se vaian incorporando permitirán promocionar e posicionar Manzaneda como destino turístico. Ademais, engadiu que esta proposta adaptase perfectamente ao novo modelo de turismo sustentable polo que aposta a Xunta, que se está a demandar cada vez máis no escenario postpandemia e no que Galicia parte con vantaxe. É dicir, espazos abertos e en contacto coa natureza e un turismo tranquilo. Neste caso, ofrécese a opción de combinar a práctica deportiva ao aire libre coa actividade turística e desfrutar da natureza, que é o primeiro motivo polo que os turistas escollen Galicia.

 

 

Por iso, o vicepresidente primeiro considera que iniciativas deste tipo que aposten polo turismo activo actuarán como reclamo para atraer visitantes e contribúen a afianzar Galicia como destino de natureza e deporte. “A ver se conseguimos chegar a aqueles tempos nos que viña o Madrid da quinta do Buitre, daquela estaba Manzaneda no mapa de toda España e de toda Europa, ¿por que non aspirar outra vez a que isto sexa unha referencia para que grupos, clubs, etc. volvan facer ese imán, de efecto enganche e que veña moita xente e se convirta nun referente turístico? Este é un perfecto exemplo de turismo de natureza e montaña, polo tanto, eu alégrome moitísimo de que isto volva a arrancar, que estea posto en valor a tope e penso que este verán vaino demostra. O movemento que haxa aquí vai repercutir en Manzaneda, en Trives e en numerosos concellos de arredor”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacaba que “cando neva xa vemos que este é un foco económico tremendo, non só da comarca, senón de Ourense e de Galicia, e iso hai que facelo agora cando non haxa neve e, nese senso, penso que se están poñendo dos mimbres necesarios. A apertura total da estación vai ser unha realidade en horas, iso significa, a pesar dos protocolos que debemos seguir en materia de Covid, que Manzaneda é un destino perfecto en familia ou ben a nivel deportivo para achegarse por aquí e desfrutar desta natureza que é inigualable”.

Así mesmo Baltar indicaba que a Estación de Manzaneda “non vai ser só un polo de atracción turística, económica, deportiva de Ourense, de Galicia e da comarca, senón tamén do norte de Portugal, tamén aí se ten que ver esta estación como un lugar de peregrinación. Fagamos Manzaneda entre todos”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button