DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda abre a tempada nun espectacular día de sol e neve

Na xornada inaugural vendéronse 500 forfaits, a metade do aforo dispoñible

 

Sen masificación, de forma organizada e mantendo as medidas sanitarias. Despois dunha longa espera e tras un intenso traballo de posta a punto por parte da empresa concesionaria, Artabria Turismo, a Estación de Montaña Manzaneda abría, na mañá deste sábado 16 de xaneiro, as súas portas aos centos de afeccionados que puderon por fin desfrutar da neve e das instalacións deportivas.

Familias enteiras, chegadas dende diferentes puntos da provincia (moitos de Valdeorras) que non dubidaron en achegarse ata a estación para pasar o soleado e espectacular día, aínda que algúns optaron polas caravanas para pasar a noite e aproveitar toda a fin de semana, esquiando, practicando snowboard ou simplemente xogando coa neve.

 

Practicando snowboard.

 

Durante esta reapertura especial, que se prolongará durante as vindeiras dúas fins de semana, o aforo da estación estará limitado a 1.000 forfaits, o único medio para acceder ás pistas, xa que non haberá billetes de telesilla para uso turístico, e só durante esta mañá vendéronse 500, tal como explican dende a estación, que estará aberta ao público dende as 10 ata as 17:30 horas.

Para axudar a manter o orde, contouse coa colaboración de varias Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, entre elas a de Trives e a de Manzaneda. Dende a xerencia da estación gradecen a “comprensión e colaboración mostrada á hora de realizan as colas”, contribuíndo a que a inaguración da tempada invernal en Manzaneda fose todo un éxito.

 

Baixando do telesilla para esquiar.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button