ConcellosÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda abrirá por fin as portas nesta tempada

O vindeiro sábado 16 de xaneiro inaugúrase a tempada invernal de esquí en Manzaneda cunha pre-apertura especial durante as dúas primeiras fins de semana

 

Por fin hai data. Despois de semanas de espera, o vindeiro sábado 16 de xaneiro inaugúrase a tempada invernal de esquí en Manzaneda, “cunha pre-apertura especial durante as dúas primeiras fins de semana”.

Así o vén de comunicar a nova empresa concesionaria da estación, Artabria Turismo, adiantando que o horario de apertura da estación de esquí será de 10 a 17:30 horas, e o horario de venda de forfaits en despachos de billetes de 9:30 a 16 horas ou ata esgotar dispoñibilidade de aforo, fixado en 1.000 o límite de forfaits dadas as limitacións sanitarias fronte ao Covid.

 

Telesillas na Estación de Montaña Manzaneda.

 

Os días de pre-apertura, para as dúas primeiras semanas de funcionamento, serán o sábado 16, domingo 17, venres 22, sábado 23 e domingo 24 de xaneiro. Estes días só se venderán forfaits de 1 día, con prezo especial para adulto de 20€ e infantil de 15€ (ata 12 anos), exclusivamente en despacho de billetes en efectivo ou tarxeta de crédito, non podéndose adquirir anticipadamente. Dende a estación, puntualizan que “non se venderán billetes de telesilla para uso turístico, non estando permitido subir ás pistas sen forfait. O resto de tarifas e descontos non estarán dispoñibles os dous primeiros fins de semanas de pre-apertura.

Proximamente informarase do calendario de apertura formal da tempada. A apertura de servizos de Manzaneda quedará limitada á estación de esquí, baños públicos e servizo de alugueiro de material de esquí/ snowboard, en horario de 9:30 a 18 horas. O servizo de cafetería non estará dispoñible durante estes dúas primeiras fins de semana, pero dispoñerase de Food Trucks en diferentes puntos da estación.

 

Estado da Estación de Montaña Manzaneda esta mañá.

“Ante a situación sanitaria que estamos a vivir, pídese a colaboración de todo o público, para facer de Manzaneda unha estación segura”, piden dende a estación, asegurando que están a seguir as normas e recomendacións do protocolo Covid unificado da Asociación Turística de Estacións de Esquí e Montaña de España (ATUDEM). “O uso de máscara é obrigatorio en todas as instalacións. En zonas de espera e contornas próximos a remontes deberase manter a distancia interpersoal adecuada”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button