Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda comeza xa a prepararse para a tempada invernal

De luns a venres permanecerán abertos os servizos de aloxamento, restauración, piscina e circuíto termal; mentres que o Bike Park, o parque de aventura, o telecadeira e resto de actividades estarán operativas sábados, domingos e festivos

 

Co outono ás portas, a Estación de Montaña Manzaneda comeza xa a prepararse para encarar a tempada de neve. Así, a partires da vindeira semana, as fins de semana e festivos manterá todos os seus servizos operativos, tal e como fixo durante todo o verán, aínda que de luns a venres limitaraos a aloxamento, restauración, piscina e circuíto termal. As pernoitas poden realizarse nos apartamentos da estación ou nos albergues Bibei e Queixa, con case 150 prazas dispoñibles.

Deste xeito, durante as fins de semana seguirá ofrecendo a posibilidade de gozar das diferentes instalacións deportivas, Bike Park, roteiros de sendeirismo e de marcha nórdica, parque multiaventura, tirolina xigante, tiro con arco ou orientación deportiva, ademais do Slackline –para manter o equilibrio sobre dúas cintas elásticas de tan só 5 centímetros que se suspenden entre as árbores- unha das últimas incorporacións á carteira de actividades, así como o Bike Park Júnior, con sendeiros de baixa dificultade para que os máis pequenos desenvolvan as súas habilidades ciclistas.

Dende Manzaneda adiantan que teñen elaborado un novo plan de pases e prezos, “máis alcanzables e reducidos para nenos, persoas con discapacidade, familias numerosas ou xubilados”, aseguran, de forma que “cunha soa entrada será posible acceder a todas as instalacións e servizos da Estación de Montaña”. Os interesados poden seguir facendo os seus reservas a través da páxina web www.manzaneda.com ou chamando aos números de teléfono da estación.

Artigos relacionados

Back to top button