DeportesMontañismoÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda comezará a tempada de inverno o 27 de novembro

Ultima un calendario completo de actividades para a época invernal e permanecerá aberta ata o 17 de abril

Telecadeiras na Estación de Montaña Manzaneda.

 

Coa constante baixada de temperaturas a Estación de Montaña Manzaneda comeza a quentar motores para o inicio da tempada de neve, que arrincará o vindeiro sábado, 27 de novembro. A partir dese día, a Estación permanecerá aberta de forma continua, se as condicións o permiten, ata o 17 abril, cando se dará por concluída a tempada de inverno.

Así a anunciaban esta mañá en Sportur, o Salón do Deporte e Turismo Activo que se está levando a cabo en Expourense e no que a estación de montaña conta cun expositor para dar a coñecer a súa ampla oferta de actividades e servizos, ademais da súa nova imaxe. Ana Fernández Peteiro, directora de Marketing de Artabria Turismo, a empresa que xestiona a Estación, remontouse á orixe da mesma, fai xa medio século, para mostrar o cambio conceptual da instalación. En particular nos últimos meses, cunha aposta máis clara que nunca pola desestacionalización a través do deporte, o lecer e a aventura, avalado polos usuarios desde o mes de maio.

 

Conferencia da directora de Marketing de Artabria Turismo en Sportur Galicia.

 

Tras un intenso verán, a día de hoxe xa está todo a punto en Manzaneda para a práctica do esquí, pois a iso dedicouse o persoal da estación durante as últimas semanas, á espera do ingrediente principal, a neve, que se espera faga acto de presenza en calquera momento a partir da vindeira semana. Aínda así, “ao longo dos próximos meses Manzaneda espera seguir demostrando que, aínda que a neve é o seu gran atractivo, as moitas propostas de aventura en plena natureza que ofrece a estación seguen atraendo visitantes”, aseguran dende a estación.

Roteiros de sendeirismo e de marcha nórdica, parque multiaventura, tirolina xigante, tiro con arco ou orientación deportiva e Bike Park, tanto na súa versión adulta como junior. Esta última proposta conta con gran aceptación e, tal e como explicou Ana Fernández, é a principal aposta das estacións de esquí para dinamizar a súa oferta durante todo o ano. A conferencia técnica que ofreceu en Sportur tamén serviu para facer repaso de todos os eventos que levaron a cabo ao longo do 2021, desde “Onda verán” co que se deron a coñecer as novas actividades e instalacións, ata a Volta ciclista feminina, o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o Campionato do Mundo de Aventura ou o Trofeo DHI.

 

Expositor da Estación de Montaña Manzaneda en Sportur Galicia.

 

Durante o próximo ano, a intención é abondar nesta estratexia e que Manzaneda acolla polo menos un evento por mes dentro dunha axenda na que se traballa intensamente desde a dirección da Estación e que, ademais, teña un retorno económico importante para a comarca. Na charla de onte, a directora de márketing tamén puxo en valor a colaboración con empresas da zona para realizar todo tipo de iniciativas.

Artigos relacionados

Back to top button