DeportesÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda incorpórase como establecemento colaborador do Carné Xove

Os mozos e mozas titulares da tarxeta poderán obter descontos no aloxamento e nos fortfait diarios

Estación de Montaña Manzaneda

O director da Estación de Montaña Oca Manzaneda, Gustavo Samartín e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Piche veñen de asinar un documento de adhesión ao programa Carné Xove polo que se ofrecerá aos usuarios deste establecemento, un 10% de desconto en aloxamentos nas súas instalacións e nos forfait diarios, tanto en temporada alta como baixa. Ademais, realizarase un sorteo entre os usuarios do Carné Xove de dúas noites de aloxamento con pensión completa, dous días de forfait e o alugueiro do material de esquí incluídos. Os interesados deberán enviar un formulario que estará dispoñible na web de Xuventude ata o 9 de xaneiro.

O Carné xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición das persoas de entre 12 e 30 anos coa que se obteñen descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40  países europeos adheridos a esta iniciativa.

Segundo os datos da Xunta, a día de hoxe “son máis de 41.000 as rapazas e rapaces que desfrutan dos beneficios deste programa en Galicia mediante o cal poden acceder a descontos e outras vantaxes en servizos e produtos nos diferentes establecementos adheridos a este programa, os cales pertencen ao ámbito cultural, do lecer, da mobilidade e da formación, entre outros”. Ademais, o Carné Xove leva incorporado un seguro gratuíto para cubrir as continxencias que poidan xurdir nas viaxes que fagan os seus titulares.

As mozas e mozos que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % terán dereito á expedición gratuíta deste carné, así como as persoas vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Artigos relacionados

Back to top button