CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

“A estimulación a idade temperá é moi importante para os nenos hoxendía”

Gloria Chimeno estará á fronte da Escola Infantil Fátima, na Rúa, que abrirá as portas para o curso 2021/2022 con nova xerencia

 

Con moita ilusión e responsabilidade afrontan Gloria Chimeno e Susana Paradelo este novo reto: poñer en marcha unha renovada Escola Intantil Fátima, na Rúa, que abrirá as portas para o vindeiro curso 2021/2022 cunha nova xerencia e instalacións adaptadas ás novas necesidades.

Era o Colexio Pablo VI-Fátima quen decidía coller as rendas desta instalación tralo peche da actividade da anterior xerencia, dando así continuidade ao proxecto educativo que levan a cabo dende Infantil ata Bacharelato.

A Escola Infantil, que xa ten aberto o prazo de matrícula para nenos de 2 e 3 anos, está ubicada no centro da vila e para amosar as instalacións e dar a coñecer o novo proxecto educativo, celebraban unha xornada de portas abertas na tarde deste xoves 15 de xullo, á que acudían un bo número de familias ademais de representantes do Concello e profesores do Pablo VI-Fátima.

O director do colexio, José Manuel Carrasco era o encargado de recibir ás familias mentres que Gloria e Susana, que se encargarán da gardería, explicaban a metodoloxía que empregarán e amosaban as instalacións. Unhas instalacións que tal com avanza a propia Gloria, transformarán en aulas de psicomotricidade, de estimulación temperá, de musicoterapia,… para adaptar o centro á súa metodoloxía.

 

Gloria Chimeno e Susana Paradelo estarán á fronte da Escola Infantil Fátima.

 

“Creamos un método propio collendo o que máis nos gustaba de cada autor: Montessori, Reggio Emilia, Gardner,… porque cremos que a estimulación temperá é o máis importante para os nenos hoxendía así como a educación emocional (saben os números pero non saben cande se sinten angustiados, que lles pasa, cando están mal)”, di Chimeno, asegurando que farán moito fincapé niso, “aparte das metodoloxías tradicionais por suposto, pero imos tratar de ser unha escola innovadora, o que non implica utilizar sempre as novas tecnoloxías (internet, tablets,…) que están moi ben como apoio pero centrarémonos na transformación no profesorado, un cambio de mentalidade, unha nova forma de traballar, por medio de proxectos educativos. Que os cativos manipulen e que estén en contacto con todo, aprender dende a experiencia”, conclúe.

Na presentación, o director do Pablo VI tamén explicou que irán actualizando servizos en función da demanda. “Por iso quixemos contactar convosco, para que nos digades as vosas inquedanzas e o que poidades necesitar”, asegurou Carrasco dirixíndose ao pais no parque infantil propio co que conta o centro, ademais das aulas con cadanseu baño, pavillón, cociña e comedor.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button