OurenseÚltima hora

A estrea de “Mar de Terra”, a viaxe de Kepa Junkera á cerna do Entroido galego, abre o 23 OUFF

Este documental, dirixido por J.A. Blanco e con música de Junkera, proxectarase o xoves 29 de novembro ás 21h. no Auditorio de Ourense na gala inaugural do certame
Kepa Junkera seguindo o ritmo dunha Mázcara de Manzaneda coa trikititxa./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ao corazón das expresións máis ancestrais do Entroido galego achégase a través da música, das vivencias e das emocións “Mar de Terra”. Este documental (con idea e realización de Kepa Junkera, J.A. Blanco, Rubén Cao e Javier Torquati) estrearase na gala inaugural do 23º Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) este xoves 29 de novembro ás 21h. no Auditorio de Ourense.

Neste proxecto o músico Kepa Junkera achega dende unha perspectiva moi persoal, “humana e sinceira” algúns dos Entroidos máis selleiros das provincias de Ourense (Viana do Bolo, Manzaneda, Vilariño de Conso, Xinzo, Laza, Verín) e Lugo (Salcedo e Santiago de Arriba). A película está dirixida polo ourensán José Antonio Blanco e con guión e música do propio Junkera.

“Mar de Terra” rodábase entre febreiro e finais de maio deste ano. O documental conta, ademais, cunha banda sonora única, temas do disco “Galiza” de Kepa Junkera e un tema orixinal que o músico compuxo especificamente para este documental. Trátase dun traballo feito dende a amizade e que tivo como fío condutor a música, e do que Junkera se sente especialmente orgulloso e tamén agradecido “aos pobos de Laza, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Verin, Vilariño do Conso, Santiago de Arriba, Manzaneda, Salcedo e a todas as persoas que coa sua xenerosidade han feito posible esta pequena viaxe chea de emosions difíciles de explicar, que se debe vivir”.

 

Cartel do documental “Mar de Terra”.

 

Ademais, o equipo de “Mar de Terra” amósase orgulloso de “contar coa colaboración de Xosé Teiga, Studio, unha das máis prestixiosas firmas de Branding e Deseño de Galicia. Grazas a ela xurde a creación dunha máscara tallada con terra galega. Navegar, adentrarse, percorrer e desfrutar dunha tradición tan especial, diferente e única. Unha homenaxe ás raíces dos Entroidos, ese mundo máxico e ancestral que nos hipnotiza e nos atrae”, explican. Para Kepa Junkera ten sido unha experiencia sorprendente “utilizar a miña e a terra galega para crear esta máscara imaxinaria”.

Premio Calpurnia de honra

Na gala inaugural do OUFF na noite do 29 de novembro, presentada por Ledicia Sola, entregarase xa un galardón. O cineasta Xavier Bermúdez subirá ao escenario a recoller o premio Calpurnia de Honra, un recoñecemento a súa traxectoria como director, guionista e produtor, na que destacan películas como “León y Olvido”, “Nena” ou “O ouro do tempo”. A homenaxe a Bermúdez completarase coa proxección, durante o festival, dos seus traballos máis coñecidos, que se poderán ver no Cineclub Padre Feijoo e no Teatro Principal, do 30 de novembro ao 4 de decembro.

“Mar de Terra” e Xavier Bermúdez serán os protagonistas da gala inaugural da 23ª edición do OUFF, unha edición planificada en tempo récord, apenas 7 semanas, e que seus organizadores cualifican de “plural, digna e potente”.

7 días de cine

Cerca dun centenar de traballos, entre longametraxes, curtametraxes e series de televisión, proxectaranse no Festival de Cine de Ourense, do 29 de novembro ao 5 de decembro. As obras proceden de 17 países diferentes e abordan todo tipo de xéneros e temáticas.

Na Sección Oficial compiten 10 títulos, incluídos, por vez primeira, unha cinta de animación, a adaptación da viñeta cómica “Memorias de un hombre en pijama”, de Carlos Fernández de Vigo; e outra rodada na provincia de Ourense, “Tódalas mulleres que coñezo”, un documental sobre a violencia sexista de Xiana do Teixeiro.

Tamén entran en competición 24 curtametraxes de creadores galegos, que forman a sección OUFF en Curto. O certame contará, así mesmo, co ciclo “Amal en ruta”, un festival itinerante dedicado ao cine euroárabe; un ciclo sobre Ingmar Bergman con motivo do centenario do nacemento do cineasta sueco; e En Feminino, que presenta películas dirixidas e protagonizadas por mulleres; así como a proxección de “Las brujas de E’lente”, a primeira produción de cine fantástica realizada integramente na provincia de Ourense.

Ata Ourense achegaranse algúns dos protagonistas destas producións, ademais de dúas caras moi coñecidas do cinema que este ano recibirán homenaxe no OUFF: os actores Luís Tosar, premio Ourense, e Mabel Rivera, premio Fundación AISGE a unha traxectoria.

Actividades paralelas

A programación do Festival de Cine de Ourense complétase con varias actividades paralelas, como exposicións sobre o mundo do cine, concertos e, tamén, a presentación de varias publicacións literarias sobre o sétimo arte, unha tradición que o OUFF recupera despois de varios anos.

Durante a próxima semana celebraranse, ademais, dous eventos de especial importancia: Fas Muvis, un proxecto pioneiro que retará a 5 equipos a rodar unha peza audiovisual de entre 3 e 10 minutos nun de 48 horas e a montala noutras 48 horas. As rodaxes terán lugar na cidade de Ourense.

Por outra banda, un ano máis cine e educación van da man co OUFF Escola, unha actividade organizada polo Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, para impulsar o uso do idioma galego entre a xuventude.

Artigos relacionados

Back to top button