CulturaCulturaÚltima hora

A estrea en autocine do último filme do valdeorrés Ignacio Vilar, será o 21 de xuño en Verín

O Concello adaptará o aparcadoiro central para acoller a proxección de "María Solinha"

Fotograma de “María Solinha”.

 

Vía Láctea Filmes e o Concello de Verín veñen de pechar un acordo para a primeira exhibición en autocine do filme María Solinha, do director valdeorrés Ignacio Vilar, “aproveitando a rede de aparcadoiros públicos que cambiaron a mobilidade urbana na vila do Támega nos últimos anos”, adiantan dende o ente municipal.

“O compromiso de Verín co cinema”, sinalou o director do filme, “mantendo unha sala de exhibicións pública e os seus enormes espazos de aparcamento no centro, nos fixeron pensar nesta vila como lugar óptimo par esta nova tendencia na exhibición cinematográfica: o autocine é o futuro”. Pola súa banda, o alcalde da vila Gerardo Seoane, afirmou que “xa que temos os espazos, estratexicamente situados, imos facer un experimento para ver si podemos atraer público para unha actividade permitida polos protocolos sanitarios, segura e que serva para dinamizar con seguridade as actividades en Verín”.

 

Aparcadoiro central de Verín. /Foto cedida.

 

O proxecto, desenvolto coa colaboración de Vía Láctea Filmes “conta cos permisos de exhibición específicos e a licenza de autocine, e coa correspondente frecuencia de FM na que cada vehículo, na súa propia radio, permitirá seguir a banda sonora con total calidade e aislados todos nos seus coches”, explicou Seoane, adiantando que o aparcadoiro libre central de Verín ten cunha capacidade de ata 300 vehículos, e as prazas serán delimitadas para a ocasión. “A proxección poderase seguir dende os vehículos, sen necesidade de contacto físico algún nin de baixarse dos coches”, dixo.

Aproveitando a ocasión “contactaremos cos hostaleiros para tentar de implicalos na iniciativa”, explicou a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, “de xeito que exploren a posibilidade de servir un `menú autocine´ que se poda consumir nos coches, ou de montar algún tipo de apoio ao evento”. “Hai que ter en conta que, se o proxecto funciona, pensamos darlle continuidade ao longo do verán, para atraer a público de toda a provincia”, anticipou Somoza.

 

Cartel de María Solinha.

 

A estrea universal en autocine do filme será o vindeiro 21 de xuño, nunha gala coa presenza dos artistas (o elencto conta con Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris” e Mela Casal, entre outros) e do director que comezará á 22 horas.

A película conta a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición. A protagonista sofre, en pleno século XXI, inquietantes ecos da agresión a María no século XVII.

 

Artigos relacionados

Back to top button