EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A eurovisiva Lucía Pérez presentará a pasarela outono-inverno “O Barco de Moda”

Terá lugar o 21 de setembro ás 21h. no Malecón nela desfilarán un cento de modelos, boa parte deles valdeorreses, e participarán vinte establecementos da vila

 

“É un complemento perfecto para todas as accións que ao longo do ano vimos realizando e que, como toda elas, pretende servir de axuda para impulsar e dinamizar o espazo comercial. Para iso queremos usar a rúa como escaparate no que os nosos asociados poidan amosar, non só os seus produtos, senón tamén a base dos seus negocios e onde poidan ter un contacto máis directo se cabe cos cidadáns”. Con estas palabras se refería a presidenta do Barco Centro Comercial Aberto, Sandra Moldes, á pasarela outono-inverno “O Barco de Moda” que se celebrará o vindeiro 21 de setembro ás 21h. no Malecón (nas proximidades da pasarela do Salgueiral).

Sandra Moldes presentaba ante os medios de comunicación esta pasarela na mañá do 17 de setembro, nun acto no que estaba acompañada pola vicepresidenta do CCA, Sandra Moldes, e polo responsable da Axencia Luena, Manu Varela, encargado da organización do evento. Nel teñen confirmada a súa participación unha vintena de establecementos barquenses: Librería e complementos Murciego, Nº 37, Pizpireta, Can-Can, Costuritas, Anaóptica, Multiópticas Valdeorras, Estética e complementos Pamen, Perruquería Margot, Miranda M, Miranda X, Baamonde, Garoba, o periódico O Sil ano 2000, Ana de la Puente, Koki, D’Chus, Prenda moda curvy, Mercería Mayte e Casabella.

Esta pasarela será presentada pola cantante lucense Lucía Pérez, que representaba a España no Festival de Eurovisión no ano 2001. “Ademais de presentar cantará”, matiza Manu Varela, quen ademais explicaba que na pasarela participará un equipo dunhas 100 persoas, dos cales boa parte son modelos valdeorreses, ademais doutros modelos profesionais. Destacará a presenza infantil, cuns 60 nenos. “Durante o desfile poderemos ver a colección outono-inverno en moda, complementos, óptica, estética, perruquería, agasallos…”, concretaba a presidenta do CCA, entidade promotora deste desfile.

Antes do desfile, en torno ás oito da tarde, Perfumería e Estética Ana de la Puente dará unha masterclass de zumba e tamén maquillará as persoas que se acheguen por alí. Este establecemento tamén se ocupará de maquillar aos modelos que desfilarán na pasarela.

 

Fotos da galería: A.R.

 

Lucía Pérez exercerá de presentadora na pasarela do Barco CCA e tamén cantará.

Máis información e fotos:
https://osil.info/comezan-os-ensaios-para-a-pasarela-o-barco-de-moda/

Artigos relacionados

Back to top button