OurenseÚltima hora

A evolución do cine mexicano nas últimas décadas, no OUFF 2019

A 24ª edición deste festival ourensán desenvolverase entre o 27 de setembro e o 5 de outubro

Imaxe dun filme mexicano./ Foto cedida.

 

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) comeza a desvelar os contidos da súa 24 edición, que se desenvolverá do 27 de setembro ao 5 de outubro. México será o país convidado nesta edición, na que o certame dedicará unha das súas seccións ao cine que se está a producir neste país coa colaboración da Fundación Carlos Velo e do Centro de Capacitación Cinematográfica (CCC) de México.

Esta última entidade, de referencia no sector, foi fundada en 1975 polo galego Carlos Velo, tendo como presidente de honra a Luis Buñuel, amigo persoal do cineasta de Cartelle. O CCC é un centro de referencia na cinematografía mexicana ao ter formado dende a súa creación a numerosos realizadores e profesionais do sector audiovisual nas últimas décadas, entre elas a propia neta de Velo, a guionista e directora Laura Gardos Velo.

No OUFF incluírase unha escolla de doce títulos, en gran parte inéditos en España e seleccionados pola actual dirección do CCC, que amosarán a evolución do cine mexicano ao longo das últimas décadas, xa que se inclúen obras creadas entre os anos 2001 e 2018, ademais dun título simbólico, “El secreto de Romelia” (1988), a primeira película realizada por unha graduada no Centro, a directora Busi Cortés.

Os títulos, todos eles óperas primas, que se proxectarán no OUFF 2019 serán:

1.- “El secreto de Romelia” (1988). Dir: Busi Cortés

2.- “Seres Humanos” (2001). Dir: Jorge Aguilera

3.- “Noticias lejanas” (2005). Dir: Ricardo Benet

4.- “Más que a nada en el mundo” (2006). Dir: Andrés León Becker / Javier Solar

5.- “Conozca la cabeza de Juan Pérez” (2008). Dir: Emilio Portes Castro

6.- “Somos lo que hay” (2010). Dir: Jorge Michel Grau

7.- “El lugar más pequeño” (2011). Dir: Tatiana Huezo Sánchez

8.- “Mi universo en minúsculas” (2011). Dir: Hatuey Viveros

9.- “Inercia” (2013). Dir: Isabel Muñoz Cota Callejas

10.- “Tiempo suspendido” (2015). Dir: Natalia Bruschtein

11.- “Distancias cortas” (2015). Dir: Alejandro Guzmán Álvarez

12.- “Takeda” (2017). Dir: Yaasib Vazquez Colmenares

13.- “Cygnus” (2018). Dir: Hugo Félix Mercado.

Como parte do programa, o OUFF e a Fundación Carlos Velo están a xestionar a presenza en Ourense dalgún dos realizadores mexicanos así como dos responsables do CCC.

Artigos relacionados

Back to top button