ConcellosÚltima hora

A execución dos proxectos presentados no 2018 ao GDR Sil-Bibei-Navea supera o millón de euros en axudas Leader

“Houbo moitas iniciativas de emprendemento, o que amosa un certo dinamismo empresarial na zona”, indica o seu presidente Francisco Magide

 

Tras concluír no mes de marzo o prazo para a presentación de novos proxectos, o Grupo de Desenvolvemento Rural GDR08 Sil-Bibei-Navea vén de amosar publicamente a súa satisfacción polo feito de que unha vez máis contan con máis iniciativas que fondos no seu cadro de distribución.

“Tanto no ámbito de proxectos produtivos como non produtivos, que xa foron enviados a AGADER para a súa verificación, houbo moitas iniciativas de emprendemento o que amosa un certo dinamismo empresarial na zona. No sector produtivo os proxectos presentados son do máis variado, dende iniciativas relacionadas co turismo, novos establecementos de aloxamento rural ata ampliación de empresas de construción, talleres de automoción ou comercio de sementes e abonos”, resalta o presidente deste GDR, Francisco Magide.

Tamén apunta que estes proxectos, unha vez verificados por AGADER, “que esperamos sexa en breve, poderán empezar as obras e terán que executar axudas neste ano por importe de 361.592,28 euros cun compromiso de execución de 355.150,39 € para o vindeiro ano, dado que as partidas orzamentarias son bianuais”.

Con respecto aos non produtivos de iniciativa pública, Magide resalta que se presentaron proxectos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Pobra de Trives, Castro Caldelas e Parada de Sil, que terán que executar nesta anualidade e no 2019, dacordo aos proxectos presentados obra por importe de 286.697,07 euros.

“O GDR tiña reservados 99.241,29 euros para proxectos non produtivos de iniciativa privada e, ao non terse presentado ningún, estes fondos distribuiranse entre os de iniciativa pública e os proxectos produtivos presentados”, continúa o presidente do GDR 08.

Ademais Magide pon de manifesto, “unha vez máis, o bo facer do equipo técnico está a ser fundamental para a dinamización do territorio e o acompañamento dos promotores”.

Artigos relacionados

Back to top button