EconomíaEconomíaÚltima hora

A experiencia da Cooperativa Amarelante de Manzaneda, no III Festival Son Labreg@

Este evento, no que se analizará a importancia das mulleres na xestión do monte, terá lugar en Montecubeiro (Castroverde) o 21 de setembro

Socios da Cooperativa Amarelante durante a pasada campaña da castaña./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Ecofeminismo e monte comunal” é o título da terceira edición do Festival Son Labreg@ que se celebrará o vindeiro sábado 21 de setembro na parroquia de Montecubeiro (Castroverde). “Este ano preténdese non só destacar o uso multifuncional do monte como factor decisivo para a prevención de lumes, a xestión do territorio, o emprego no rural ou a conservación do medio ambiente; senón, ademais, facer visible o papel fundamental que as mulleres desempeñaron neste senso”, segundo se destaca dende a área de Mocidade do Sindicato Labrego Galego, que contará coa colaboración do Concello de Castroverde e do Centro Social d’A Chave das Noces na organización do festival.

A mesa redonda coa que se abrirá esta xornada ás 12h. centrarase nas “Alternativas produtivas do noso monte” e nela contarase a experiencia da Sociedade Cooperativa  Galega Amarelante de Manzaneda, así como da cooperativa Ribeiregas (Negueira de Muñiz), as comunidades de montes Froxán (Lousame) ou Carballo (Friol), entre outras experiencias produtivas.

Xa pola tarde, ás 18h., presentarase o libro “Montes que non arden: as mulleres na prevención dos montes comunais”, unha iniciativa impulsada polo proxecto Batefogo. O festival contará asemade cunha ampla oferta lúdica con diversas actuacións musicais.

Artigos relacionados

Back to top button