En portadaÚltima hora

A explotación da Estación de Montaña Manzaneda sairá a concurso en breve

A Xunta Xeral de accionistas de MEISA, celebrada esta mañá, acordou iniciar unha nova etapa de xestión deste complexo deportivo, de turismo e ocio

 

Iniciar unha nova etapa de xestión da Estación de Montaña Manzaneda para sacar a concurso, en breve, a explotación das súas instalacións. É o acordo ao que chegaba a Xunta Xeral de Accionistas de MEISA celebrada na mañá deste martes 14 de xaneiro neste complexo deportivo, de turismo e ocio, que conta con avances tecnolóxicos como os canóns de innivación.

Nesta nova etapa de xestión, na que se levará a cabo un concurso aberto para atopar un novo operador, “buscamos cumprir os retos e as expectativas deste novo momento do complexo deportivo”, afirmou Manuel Baltar, que asistía á reunión xunto ao conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Román Rodríguez; os alcaldes de Manzaneda e Trives Amable Fernández e Patricia Domínguez; o xerente da estación Gustavo Samartín; e outros membros da xunta xeral de MEISA.

Na reunión nomeáronse os novos conselleiros, que por parte da Xunta será o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e por parte da Deputación de Ourense, o deputado provincial e alcalde da Teixeira, Miguel Cid; así como das actividades que se veñen desenvolvendo na estación de montaña. “Todo elo nun clima de unanimidade sobre as cuestións que se puxeron sobre a mesa”, valora o presidente do goberno provincial, destacando que na seguinte reunión do consello de administración, que se celebrará no mes de febreiro, aprobaranse os pregos e sacarase a concurso a xestión e a explotación destas instalacións “que son un revulsivo e un dinamizador económico non só da comarca senón de toda a provincia de Ourense e tamén un atractivo turístico de Galicia e do norte de Portugal”, expresou Baltar.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a incorporación de Lete Lasa ao órgano directivo da sociedade subliñando “a compoñente deportiva” de Manzaneda, e explicou que a posta en marcha dun novo concurso “marcará un antes e un despois para a estación de montaña”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button