OurenseÚltima hora

A exposición “Aquela nena de Sarria”, no Espazo Xove de Ourense e no Campus

Inauguración de “Aquela nena de Sarria” no Espazo Xove de Ourense.

 

O Espazo Xove da Xunta en Ourense acolle desde este luns 3 de maio a exposición “Aquela nena de Sarria”, dedicada aos primeiros anos de vida e de formación da poeta Xela Arias, autora homenaxeada neste 2021 no Día das Letras Galegas.

No acto inaugural  participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz, entre outros. A mostra, que estará aberta ata o 28 de maio, está composta por tres prismas con paneis que reflicten aspectos da vida da autora xunto con poemas e textos que lle dedican desde destacados escritores galegos ata alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández. Tamén inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e debuxos da pintora lucense Sabela Arias.

Ademais esta mesma mostra poderá verse na planta baixa do edificio de Ferro do Campus ourensán ata o 15 de xuño. Trátase dun proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria de Sarria para dar a coñecer a figura de Xela Arias e conta co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, ademais da colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega.

 

A mostra no edificio de Ferro./ Foto: Duvi.

 

Composta por doce paneis, na mostra refléxase, segundo os seus organizadores, “o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real”. Complétase a exposición con poemas dirixidos a Xela Arias por alumnado dos Institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, por poetas galegas “que seguen os camiños que Xela trazou” e membros da Nova Poesía Guitírica. Tamén se inclúen fotografías facilitadas pola familia da homenaxeada e debuxos da pintora lucense Sabela Arias, entre outros materiais.

Artigos relacionados

Back to top button