CulturaCulturaÚltima hora

A exposición “Córgomo Arte” convértese en virtual nesta edición

Do 11 de decembro ao 9 de xaneiro abrirase "unha xanela virtual ás últimas creacións dos nosos artistas"

Torino e Conde, promotores de Córgomo Arte, na pasada edición desta exposición./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Logo dunha paréntese obrigada pola pandemia do Covid, a mostra Córgomo Arte, promovida polos artistas Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino” dende hai unha década en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), convértese neste decembro en virtual.

“Consideramos que aínda non se dan as condicións sanitarias para poder facelo coa seguridade necesaria. Quixemos ser prudentes, porque somos conscientes de que a saúde é unha prioridade e unha responsabilidade de todos. Mais con todo, o equipo organizador non deixou de traballar para que puidérades gozar da arte un Nadal máis. Aínda que non poidades asistir físicamente, Córgomo Arte achegarase a vosoutros a través das redes nunha Edición Virtual 21/22. Nas datas habituais, entre o 11 de decembro e o 9 de xaneiro, abriremos unha xanela ás últimas creacións dos nosos artistas a través de publicacións na nosa páxina de facebook (https://www.facebook.com/C%C3%B3rgomo-Arte-1938479683125179)”.

Polo de agora, a organización prefire non adiantar nomes “porque o noso obxectivo é sorprendervos un pouco cada día”, pero si matizan que moitos dos artistas participantes no que será a novena edición desta mostra “xa participaron connosco en anteriores edicións, tanto en Córgomo como na Mariña, mais tamen haberá novas incorporacións á familia, nas que a poesía e a música se sumarán ás disciplinas plásticas habituais”.

Así mesmo, os promotores de Córgomo Arte afirman que “a arte é a nosa vacina particular para combater o virus e curarnos de todo mal. Por iso queremos que este Córgomo Arte Virtual 21/22 sirva para compartir con todos a felicidade que nos enche e nos motiva cada ano a organizar este encontro e, ao mesmo tempo, para coller azos para xuntarnos o vindeiro ano nunha próxima edición presencial. Acompañádenos nas redes e compartide a arte de Córgomo”, conclúen.

Artigos relacionados

Back to top button