ConcellosÚltima hora

A exposición “Fillos do océano” de Javier Teniente chega ao Barco

O Concello vén de asinar un convenio de colaboración cultural que permitirá traer á vila esta mostra e a obra teatral "Unboxing Alice" en inglés

Un dos momentos da sinatura do acordo entre o Concello, Abanca e Afundación.

 

Fotografía e teatro. Son os contidos temáticos do novo convenio de colaboración cultural que o Concello do Barco asinaba na mañá deste 22 de xaneiro con Abanca e Afundación e o Concello do Barco de Valdeorras.

En virtude deste acordo as tres entidades promoverán na vila a exposición «Fillos do océano», un proxecto fotográfico de Javier Teniente, así como actividades para os escolares da zona coa representación da obra de teatro en inglés Unboxing Alice. Á sinatura asistiron o alcalde do Concello do Barco de Valdeorras, Alfredo García; a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, o coordinador de Negocio Institucional en Ourense de Abanca, Mateo Alonso; e o director da oficina do Barco, José Vicente García.

 

Outro dos momentos do encontro.

 

A mostra, de entrada libre e de balde, poderase ver na Sala Abanca do Barco (na praza do Príncipe) do 7 de febreiro ao 7 de marzo (de luns a venres en horario de 17h. a 20:30 h e os sábados de 10:30 a 13:30 h). “As comunidades de pescadores artesanais de todo o mundo, así como as mulleres e homes que viven por e para o mar, son as protagonistas deste proxecto que reúne imaxes únicas de lugares como Galicia, Senegal, Andalucía, Nicaragua, India, Sri Lanka, Brasil, Panamá, Madagascar, Vietnam, Noruega ou Indonesia”, segundo informa Abanca.

Por outra banda, a representación da obra de teatro para escolares en inglés Unboxing Alice será o 3 de febreiro e a ela asistirán estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», “que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”, segundo a entidade bancaria.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close