SanidadeÚltima hora

A extensión das técnicas de imaxe aumenta a detección precoz do cancro renal

En Ourense realízanse anualmente 60 nefrectomías, o 95%, parciais e por vía laparoscópica ou robótica apoiada no sistema Da Vinci

 

Neste xoves 16 de xuño celébrase o Día Mundial do Cancro de Ril. Con este motivo os xefes e supervisoras de enfermería dos servizos implicados no seu diagnóstico e tratamento na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco visitaban esta mañá a mesa informativa da Asociación Alcer, na entrada do edificio Cristal, para visibilizar o apoio aos pacientes e ás súas familias, visibilizar a enfermidade e o carácter multidisciplinar da súa abordaxe.

O cancro renal representa arredor do 2% de todos os cancros que se producen e o seu diagnóstico está a aumentar, afortunadamente en estadíos cada vez máis precoces, da man da extensión das técnicas diagnósticas de imaxe, a ecografía e a tomografía computarizada (TC), como vía de seguemento e exploración habitual doutras patoloxías.

Esta vía de detección casual é debida a que o cancro renal habitualmente non da síntomas ata que está moi avanzado, nin se dispón na actualidade dun método predictivo ou de cribado eficaz, polo que a extensión destes métodos diagnósticos na asistencia sanitaria, está ser clave para derivar aos pacientes canto antes ao Servizo de Uroloxía.

O tecido anómalo ou quistes detectados no ril non sempre son canceríxenos ou malignos, de feito, son precisamente os de tipo benigno os que producen máis sintomatoloxía, como dor lumbar, anemia ou sangue na orina, sendo os anxiomiolipomas os tumores non oncolóxicos máis frecuentes.

Hai uns anos, era habitual realizar unha biopsia para analizar o tecido antes de extirpar íntegramente o ril, pero na actualidade o avance das guías clínicas, os métodos de seguemento, e a precisión da abordaxe cirúrxica permiten un tratamento moito máis conservador, extirpando só unha parte de ril (ou nefrectomía parcial).

 

 

Abordaxe multidisciplinar

Ademais desta abordaxe, cando o tumor é de reducido tamaño, as veces pódese tratar mediante dúas novidosas técnicas mínimamente invasivas, que xa está a aplicar o Servizo de Radioloxía Intervencionista, e só precisan unha pequena incisión na pel: a ablación por radiofrecuencia (que destrúe o tumor mediante ondas que quentan o tecido) ou a crioterapia (mediante conxelación).

En Ourense o Servizo de Uroloxía realízanse anualmente 60 nefrectomías, na súa maioría, o 95%, parciais e sen necesidade de cirurxia aberta, empregando a vía laparoscópica, ou robótica apoiada no sistema Da Vinci do que dispoñen –desde o pasado ano- os servizos cirúrxicos do Hospital Universitario de Ourense, abordaxe endoscópica que permite conservar moitas veces a función renal.

A intervención cirúrxica é clave no cancro renal, de feito o 98% dos ourensáns que se someten a unha intervención non precisan un tratamento porterior, ainda que na actualidade tamén existen alternativas farmacolóxicas, altamente eficientes, de mantemento ou resposta ao cancro renal avanzado, aplicadas desde o Servizo de Oncoloxía Médica, como a inmunoterapia ou a quimioterapia oral.

Na actualidade 28 ourensáns diagnosticados de cancro renal están a tratamento no servizo de Oncoloxía, a maioría cun tratamento de inmunoterapia.

Na abordaxe do cancro renal, como no conxunto da patoloxía oncolóxica, a clave é a coordinación porque son moitos os servizos implicados no seu diagnóstico e tratamento. Todos eles participan no seu comité de tumores, desde o que especialistas dos distintos servizos estudan cada caso e deciden cal é a mellores resposta.

No de Ril participan os servizos de Uroloxía, Radiodiagnóstico, Nefroloxía, Oncoloxía Médica, Farmacia e Anatomía Patolóxica. Parte deles deronlle hoxe o seu apoio a Asociación de pacientes Alcer visitando a mesa informativa na entrada do hospital universitario coa que conmemoraron o día do Cancro Renal.

Artigos relacionados

Back to top button