EconomíaEconomíaÚltima hora

A Federación de Comercio de Ourense chama ao peche de establecementos na tarde do 20 de febreiro

Ese día tamén terá lugar unha concentración ás 20h. no Parque de San Lázaro da capital da provincia, que despois trasladarase á praza Maior
Escaparate dun comercio da cidade de Ourense./ Foto: Carlos Asensio.

Ponse en marcha o plan de accións que hai unhas semanas anunciaba a Federación de Comercio de Ourense co fin de pedir a intervención das administracións para “deter a crise profunda que ameaza ao pequeno comercio na provincia de Ourense”, segundo indica a súa presidenta, Beatriz Gómez.

A primeira destas acccións será a convocatoria dun peche de establecementos na tarde do próximo mércores 20 de febreiro, que será seguido dunha concentración no Parque de San Lázaro en Ourense, fronte á Subdelegación do Goberno, onde se dará lectura a un manifesto en defensa dun sector que consideran “clave”, tanto pola “variedade das súas tendas e produtos de calidade, como pola profesionalidade dos que as atenden e pola súa imbricación con outros vectores característicos da sociedade ourensá, como a restauración, a cultura ou o termalismo”.

Para a Federación de Comercio de Ourense a chamada “gran recesión iniciada no 2008 acentuou a crise endémica do pequeno comercio, agravando a súa vulnerabilidade e as ameazas de supervivencia”, tanto para os que dependen directamente desta actividade como para o gran número de empregos que están vinculados con ela”.

Para tratar de darlle a volta á situación actual, esta federación chama á intervención das administracións en seis grandes puntos: a regulación das rebaixas, os altos tributos que “aboamos á Administración local”, as cuotas da Seguridade Social que consideran “un despropósito”, o “prexuízo económico e a competencia desleal que supón a venda ambulante” e o establecemento dun gravame do 20% nas vendas online “e que este imposto repercuta no concello dende o cal se realiza a compra”. Piden das administracións unha “aposta firme polo comercio local”.

Artigos relacionados

Back to top button