DeportesÚltima hora

A Federación Galega de Atletismo acorda suspender cautelarmente todos os campionatos de Galicia 2020 e o resto de probas

Con esta decisión busca "contribuír a evitar a propagación desta enfermidade e protexer a saúde dos atletas, público e demais persoas implicadas na organización dos eventos atléticos"

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ante a evolución que están tendo os efectos dos contaxios polo Coronavirus COVID-19 e considerando as recomendacións das autoridades sanitarias e disposicións legais impostas polos gobernos de España e de Galicia, a Xunta Directiva e a Comisión Delegada da Asemblea Xeral da Federación Galega de Atletismo (FGA) vén de manter unha xuntanza na que se adoptaba unha serie de medidas co fin de “contribuír a evitar a propagación desta enfermidade e protexer a saúde dos atletas, público e demais persoas implicadas na organización dos eventos atléticos”.

Así a primeira das decisións tomadas é a de “suspender cautelarmente a celebración de todos os campionatos de Galicia 2020 e competicións organizadas directamente por parte da FGA, dende a data de hoxe ata novo aviso”

Ademais celebrarase semanalmente unha xuntanza da Comisión Delegada e Xunta Directiva da federación para valorar as últimas informacións sobre esta pandemia. “En función da evolución dos acontecementos, tomaranse decisións sobre unha posible reubicación no calendario galego das competicións aprazadas ou a súa cancelación, se fose preciso”, segundo informa a federación.

Tamén se recomenda “a todos os estamentos do atletismo galego que cumpran de forma estrita as medidas establecidas no Real Decreto 643/2020 de 14 de marzo” e agradece “a colaboración e comprensión de todos os estamentos do tecido atlético federativo galego ante as medidas que se están adoptando”.

Finalmente, a FGA, que preside Isidoro Hornillos, expresa o seu agradecemento “aos diferentes colectivos sociais que están loitando día a día para combater esta grave enfermidade”.

Artigos relacionados

Back to top button