DeportesÚltima hora

A Federación Galega de Baloncesto dá por concluída a tempada

O MV Barco é un dos clubs afectados con 11 equipos en competición, do babybasket ao sénior

Equipo sénior do MV Barco, nun partido disputado no pavillón de Calabagueiros. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras concluír a consulta realizada á súa Asemblea Xeral, na que se cuestionaba sobre o criterio de actuación respecto a todas as competicións vixentes ante o escenario de alerta sanitaria e estado de alarma, a Federación Galega de Baloncesto dá por concluída a tempada 2019/2020, pechando as ligas “sen palmarés de campións nin descensos e, no caso daquelas que tivesen establecidos ascensos, disputar fases clasificatorias no futuro, en forma e data a determinar”.

Dende a federación aseguran que se trata dunha situación que nunca quixera ter que afrontar, pero a “prioridade neste intre é a saúde de todos, cumprir as medidas marcadas polas autoridades sanitarias, así como respectar a decisión da Asemblea Xeral, órgano supremo da FGB”. Neste punto, lamenta todas as molestias que este peche competitivo pode ocasionar, e quere recoñecer e agradecer “o esforzo humano e a comprensión de toda a familia do baloncesto galego: xogadores, adestradores, árbitros, oficiais de mesa, persoal deportivo e directivo dos clubs e afeccionados”.

Un dos clubs afectados por esta medida é o MV Barco que dirixen José Luis Gómez e a súa filla Patricia, que conta con once equipos en competición, dende babybásket ata sénior. O máis afectado é o equipo júnior que cando saltou o estado de alarma estaba a piques de xogar o partido de ida da fase de ascenso.

Dende A FGB adiantan que a partir de agora comezan a traballar a través da súa Comisión Delegada e Xunta Directiva no estudo das bases de competición da vindeira temporada e das medidas necesarias a tomar para “protexer ao baloncesto galego e ao seus clubs ante o novo escenario sanitario, deportivo e estrutural que debemos afrontar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button