DeportesÚltima hora

A Federación Galega de Fútbol non sanciona ao Paiosaco por negarse a xogar o partido ante o Barco en Calabagueiros

A resolución do Xuíz de Competición fixa a celebración do encontro da xornada 10 en nova data
Afeccionados do C.D. Barco en Calabagueiros. /Foto: Mónica G. Bellver.

Moito deu de si o partido da xornada 10 en terceira división a dipustar no campo de Calabagueiros entre o C.D. Barco e o Paiosaco na tarde 28 de outubro.

Unha avería no autobus do equipo de Laracha (A Coruña), obrigábaos a chegar ata o campo barquense noutro vehículo, pero sen equipación. Unha vez en Calabagueiros, e mentres intentaban buscar unha solución, a hora do encontro retrasábase cada vez máis. A directiva do Barco tentou arranxar a situación cedendo a segunda equipación do seu equipo aos do Paiosaco, pero finalmente os técnicos coruñeses non aceptaban e decidían non presentarse ao partido. A suspensión era anunciada por megafonía, para decepción e tamén enfado dos afeccionados que aguantaban estoicamente malia a fría e chuviosa tarde de finais de outubro.

A partires de aí, sucedíanse as declaracións, non precisamente amables, por parte de ámbolos dous clubs á espera da resolución da Federación Galega de Fútbol que chegaba onte. Como é lóxico, no Barco esperaban que a Federación dese o partido por perdido aos visitantes por negarse a xogar, cos tres puntos para os locais, pero para a súa sorpresa, non foi así.

Na reunión do 14-11-2018, vistos a acta e demais documentos correspondentes ao debandito partido, o Xuíz de Competición adoptaba a seguinte resolución: “Non haber lugar a entender como incomparecencia a da UD Paiosaco, que dé lugar á perda do partido, que debía disputarse o 28/10/2018 entre os clubs CD Barco e UD Paiosaco; Fixar a celebración do encontro en nova data e conceder a ambos clubs un pazo de 5 días hábiles a fin de que propoñan data e hora para a súa celebración, e que en defecto do anterior, este órgano establece como data do partido o xoves 6 de decembro de 2018;  Repercutir os gastos de arbitraxe do partido suspendido ao club UD Paiosaco en aplicación do artigo 42.3.d) dos Estatutos da RFEF”.

Contra a presente resolución, os clubs implicados poderán interpoñer recurso de apelación ante o Comité de Apelación da RFEF no termo de 10 días hábiles a contar dende o seguinte ao que se reciba a notificación.

Artigos relacionados

Back to top button