ConcellosÚltima hora

A Fegamp rexeita “a responsabilidade que a Xunta bota sobre os concellos en materia sanitaria”

O seu presidente, Alberto Varela, lembra que esa responsabilidade lle corresponde ao goberno galego, polo que "solicita medios e plans concretos de actuación, así como unha maior coordinación e participación na toma de decisións" nesta crise sanitaria

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de emitir un comunicado no que amosa o seu apoio aos concellos da comarca da Mariña lucense e rexeita “a responsabilidade en materia sanitaria que a Xunta de Galicia bota sobre os municipios illados polo brote do coronavirus”.

Así, a Fegamp sinala que o D.O.G. do 5 de xullo coas medidas restritivas para esa zona sinala aos alcaldes e alcaldesas como “autoridade sanitaria” a cargo da “vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención” recollidas na orde.

Nunha carta remitida polo presidente da Fegamp, Alberto Varela, lémbrase que segundo a Lei reguladora das Bases de Réxime Local, é á Dirección Xeral de Saúde a que corresponde “a xestión e control de abrochos epidémicos, alertas e crises sanitarias, mediante a coordinación e o seguimento do Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia” (Artigo 12.2.1.b), así como “a planificación, programación e coordinación da execución das actividades de prevención e control das enfermidades transmisibles e a difusión da información relacionada con elas (Art.12.22.a)”.

Os concellos, indica a Fegamp, “comparten a inquedanza por evitar a transmisión da enfermidade e ofrecen a súa máxima colaboración, pero remarcan as limitacións -ou inexistencia nalgúns casos- de recursos humanos e materiais para levar a cabo as funcións que pretenden adxudicarlles. A modo de exemplo, o sesenta por cen (60%) dos municipios galegos non teñen policía local, outro significativo número teñen menos de cinco efectivos e as taxas de reposición impiden unha proporción de policías adecuada en practicamente tódolos concellos”.

A Fegamp lembra que ao longo desta crise sanitaria, “as entidades locais veñen asumindo funcións engadidas e incluso impropias, sen dispor de medios extraordinarios para o seu desenrolo. A administración local seguirá a traballar co goberno autonómico na medida das súas posibilidades en todos os eidos nos que sexa requirida”, sen embargo, lembra que a “responsabilidade en materia sanitaria corresponde á Xunta de Galicia”, polo que solicita “medios e plans concretos de actuación, así como unha maior coordinación e participación na toma de decisións, de xeito que a protección da saúde sexa por igual para todos os galegos e galegas independentemente da facenda local de cada concello”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close