EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico no Barco, abre as portas á beira do río

Unha gran variedade de produtos como viños, conservas, mel, bicas, aceite, queixos, licores e embutidos poderán mercarse durante toda a fin de semana

 

Dende esta mañá de sábado e ata pasadas as nove da tarde de mañá (en horario de 11 a 14 e de 17 a 21 horas) estará aberta na praia fluvial do Malecón, no Barco de Valdeorras, a II edición da Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, Galicia e Norte de Portugal (o ano pasado foi suspendida por mor da pandemia), que reúne a un total de 21 produtores e artesáns de ambos territorios cun programa de actividades deseñado para promocionar e vender produtos tradicionais galegos e portugueses.

A inauguración oficial da feira corría por conta do concelleiro de Turismo e Promoción Económica Eladio Santos, da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e do alcalde do barco Alfredo García, quenes expuxeron as tres vertentes sobre as que xira a mostra. Santos falou da parte económica, asegurando que a iniciativa nace con vocación de perdurar no tempo “para impulsar este sector e contribuír a fixar poboación non medio rural onde ten que haber vida e actividade económica e produtores que están hoxe aquí con moitos produtos de todo tipo están facendo ese labor de emprendemento. Cremos que dende as Administracións tócanos empurrar neste sentido”, dixo, explicando que os visitantes poderán desfrutar de produtos de primeira calidade como mel, viños, doces, licores, cogomelos, embutidos e conservas, “que son moi valorados para o consumidor polo que será todo moi interesante”.

 

O concelleiro de Turismo, a concelleira de Cultura e o alcalde do Barco, na inauguración da feira.

 

A concelleira de Cultura, pola súa banda, destacaba que a feira “é un elemento cada vez máis importante dentro da programación cultural do Cristo”, facendo fincapé na importante vertente cultural. “O que hoxe temos aquí é unha representación de produtores e artesáns dun termo que leva circulando dous mil anos que define moi ben a representación de todos, que é a Gallaecia. A cultura non só serve para deleitar o espírito senón tamén o corpo e que mellor deleite que a mostra de todos estes produtos”, dixo, convidando a veciños e visitantes a baixar, desfrutar, mirar e mercar.

Pechando o acto, tamén o alcalde convidaba á poboación a achegarse ata o recinto feiral, aínda que puntualizaba que “non só estamos aquí para desfrutar, para mercar e para degustar nas nosas casas estes marabillos produtos, estamos tamén reivindicando un proceso para concienciar á xente de que ten que volver ao rural”. García asegurou que é imprescindible “rachar de forma evidente e rotunda” co despoboamento que esta sufrindo o interior de Galicia especialmente. “Desde o Concello defendemos que hai que vivir no rural pero sobre todo e máis importante, que hai que vivir do rural e que é posible facelo. Todos os produtores que están aquí demostrandía a día co seu traballo e coa elaboración dos seus produtos, que se pode vivir do rural, vivir ben e cunha gran calidade de vida”.

 

Os licores de Barbudos Coop. nun dos expositores.

 

Os espositores presentes na feira do Barco son: Mel Iberiensis; Bicas Manzaneda; Quinta do Vale; Frutas de Valdeorras Loquita; Shiitake Trives; Olivadoro; Gaia Queixería; Bodega Roandi; Biquinho Doce; O Marquesado; Quinta do Pombal; Quinta do Ribeiral; Adegas Celme; Alheiras da Glória; Faba Loba das Montañas de Trevinca; Adega Alan de Val; Barbudos Coop; Amarelante SCG; Mel O Tío Miguel; Nela Biosense & Nela Gourmet; Artesanía Enxembre.

Actividades complementarias

Como actividades complementarias á propia Feira, programáronse dúas sesións de “Catas no Sil” con viños de Valdeorras e maridaxe con produtos tradicionais do Eixo Atlántico. Para participar nas catas é preciso inscribirse previamente, sendo o aforo máximo en cada unha delas de 20 persoas. O sábado ás 20.00 horas, a sumiller Mercedes González dirixirá a cata bautizada “Crepúsculo”, mentres que, o domingo ás 12.30 horas, celebrarse baixo o título “Unha ronda caprichosa”. As inscricións realizaranse a través do correo: infoturismo@concellodobarco.org, e o prezo da cata é de 5 euros por persoa que serán abonados na entrada da actividade.

 

Panorámica da feira na mañá deste sábado.

 

Durante os dous días de celebración da feira levarase a cabo un obradoiro gratuíto de pirograbado en madeira. A actividade terá lugar o sábado e o domingo, de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. O obradoiro é gratuíto para o público infantil e adulto e será impartido polos artesáns locais de Artesanía Enxebre. Os nenos e nenas deberán estar acompañados dun adulto e deberán inscribirse previamente no correo infoturismo@concellodobarco.org para facer a reserva de praza. Os horarios que queden repartiranse durante o desenvolvemento da propia feira.

Así mesmo, nas últimas horas do 11 e o 12 de setembro, de 20 a 21 horas, farase unha demostración do oficio para que os visitantes vexan  en directo como se realizan as pezas pirograbadas, mentres visitan a feira.

Artigos relacionados

Back to top button