EconomíaEconomíaÚltima hora

A Feira de Valdeorras, o limiar das Festas do Cristo 2018 no Barco

O Paseo do Malecón acollerá na fin de semana do 8 e 9 de setembro esta mostra con 20 postos e cun programa cheo de actividades e música

 

Un dos postos da pasada edición da Feira de Valdeorras no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Cuns 20 expositores de diferentes produtos da comarca, así como de asociacións e ONGs abrirá as súas portas o vindeiro 8 de setembro ás 11:30h. a Feira de Valdeorras no Paseo do Malecón (nas proximidades de Correos) do Barco. Así o adiantaba en rolda de prensa a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. Esta mostra, cun completo programa de actos, será a antesala das Festas do Cristo 2018, que se desenvolverán do 13 ao 16 de setembro nesta vila.

Entre as propostas no faltará á música, con actuacións no recinto feiral xa ese mesmo sábado 8 de setembro ás 11:30h. da man do grupo Amanecer. Ao mediodía na praza de José Otero poderá visitarse unha exposición de ilusións ópticas titulada “Ver para crer” da man do Mago Romarís. Xa pola tarde, ás 18h. haberá xogos infantís. E pola noite actuará ás 21h. Son do Sil na praia fluvial do Malecón.

 

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, durante a rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Na xornada do domingo 9 de setembro ás 12h. reabrirase á feira, ás 13h. actuará o grupo berciano “Habana Vieja” no recinto feiral, pola tarde organizaranse novamente xogos para nenos ás 18h. e ás 19h. desenvolverase na beira do Sil un festival musical coa participación de grupos do Conservatorio e da Escola de Música, como son o Ensemble de Saxofóns. “Pensamos que é o marco idóneo para sacalos á rúa e que a xente vexa o traballo que realizan durante o ano nestes centros formativos que dependen do Concello do Barco”, indicabana presentación Margarida Pizcueta.

A novidade desta edición, segundo avanzaba Pizcueta, será unha poxa que se realizará na tarde do 9 de setembro. Subastaranse produtos cedidos polos expositores e por outra persoas, como é o caso do escultor Xelo de Tremiñá (pregoeiro das Festas do Cristo). O diñeiro reunido nesta poxa será destinado a unha ONG.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button