ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

A Feira de Viloira (O Barco) volve ao seu emprazamento habitual pero con carrís de circulación para peóns

A rúa Novelista Elena Quiroga será de sentido único (desde a rúa Elena Quiroga ata ao paseo de Bienvenido Miguélez), e o acceso desde a pasarela peonil sobre o Sil será tamén de sentido único, polo mesmo paseo e cara a praza Otero Pedrayo

Imaxe da feira de Viloira (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Viloira (O Barco) acollerá o vindeiro luns 6 de xullo a súa feira mensual, no que se recuperará o emprezamento habitual dos postos autorizados para este ano, pero con novidades para garantir, en todo momento a seguridade.

“Co fin de que os clientes poidan visitar a feira con todas as garantías sanitarias, a Policía Local encargarase de establecer carrís de circulación tanto na praza de Otero Pedrayo como na R/Elena Quiroga. En ambas colocaranse valados para que os peóns circulen sempre pola súa dereita, e que non haxa cruces entre eles e se poida manter a distancia de seguridade establecida na normativa sanitaria”, tal e como adianta o Concello do Barco.

Así a rúa Novelista Elena Quiroga será de sentido único (desde a rúa Elena Quiroga ata ao paseo de Bienvenido Miguélez), e o acceso desde a pasarela peonil sobre o Sil será tamén de sentido único, polo mesmo paseo e cara a praza Otero Pedraio.

Para que sexa o máis fácil posible, e que os veciños non teñan dúbidas á hora de circular, nos cruces haberá Policía Local e persoal do GES Valdeorras para atender e axudar ás persoas que o soliciten, tanto clientes da feira como titulares dos postos.Tamén se colocarán carteis con indicacións para regular o tránsito dos peóns polo recinto da feira, tal e como se adianta dende o Concello.

Ademais, dende esta administración local lémbrase aos veciños “a necesidade de manter na feira de Viloira as mesmas normas de protección (uso de máscara e/ou de distancia de seguridade), que as establecidas para circular ao aire libre en Galicia. Tamén se recorda aos titulares dos postos a conveniencia de que dispoñan de medidas de seguridade para os seus clientes, con uso de xel e luvas para os que venden determinados produtos. E, como sempre, que se procure a máxima eficacia para a recollida de refugallos e o seu depositado, en bolsas,
nos contedores habilitados ao efecto no recinto da feira”.

Esta é a segunda feira que se celebrará en Viloira tras a fin do estado de alarma. A primeira tiña lugar en xuño e instalábase na praza Otero Pedrayo con limitación de aforo e de número de postos.

Artigos relacionados

Back to top button
Close