En portadaÚltima hora

A Feira do Viño de Quiroga suspende a súa parte máis multitudinaria ante a situación sanitaria

Seguindo os consellos do Comité de Expertos de Galicia, o Concello de Quiroga só manterá a parte cultural do programa da mostra

Botellas de viños participantes en edición anteriores da Feira do Viño de Quiroga./ Cedida.

 

O Concello de Quiroga non celebrará esta fin de semana a Feira do Viño. Así o vén de decidir a organización seguindo os consellos do Comité Clínico de expertos de Galicia. “Agardouse practicamente ata o último minuto para saber a situación sanitaria antes de tomar unha decisión. Mantivéronse xuntanzas coa Confraría do Viño, co Comité Organizador, coa Xunta de Seguridade Local (na que estivo presente a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez) e cos hostaleiros da vila antes de cancelar a parte de maior concentración de xente. Todos eles estiveron de acordo en non levar a cabo a parte da feira que concentra maior número de persoas: as casetas de venda de viño e o pregón. Obviamente tamén se cancela o concurso de camisetas por ir aparellado a estas dúas actividades”, tal e como sinala a organización da mostra.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que informou persoalmente aos portavoces da oposición, confirmou que “a decisión tomouse pensando na hostalaría, e aínda que o municipio quirogués atópase cunha incidencia moi baixa en canto ao número de casos positivos de Covid (incidencia acumulada nos últimos sete días >10), quérese evitar que a feira poida ser un foco de contaminación, proliferación ou diseminación da pandemia”.

Aproveitando a celebración da Xunta de Seguridade Local na mañá de onte, informouse xa da posibilidade de suspender a feira, non obstante, a Subdelegación do Goberno e o Concello acordaron igualmente reforzar a seguridade esta fin de semana, en previsión de que puideran producirse aglomeracións de persoas, vixiando que se cumpran as normativas decididas polas autoridades sanitarias.

Manterase o programa cultural

O que si se manterá é a parte máis cultural da feira. O concerto da banda de música Santádega, o espectáculo de animación infantil “Ramona Órbita, a dona do tempo” a cargo do grupo Pakolas e as actuacións de Festicultores Troupe e da Charanga Louband completarán un programa de actos de dous días marcado por unhas condicións sanitarias e unhas normas de obrigado cumprimento.

A exposición das botellas dos viños que acudiron á maioría das feiras vitivinícolas, acompañadas dos carteis anunciadores, que se presentaba na pasada Semana Santa como lembranza da data na que se tiña que celebrar a feira servindo de homenaxe aos adegueiros que pasaron polas feiras do viño de Quiroga, poderá verse novamente na entrada do Auditorio Municipal.

Artigos relacionados

Back to top button