EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A Feira do Viño de Valdeorras regresa con propostas que van dende as catas ata a etnografía e a arte

Desenvolverase do 9 ao 10 de xullo na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) coa participación dunhas vinte adegas

O presidente do CRDO Valdeorras e o alcalde do Barco, na presentación do programa da XXIII Feira do Viño de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

Valdeorras exaltará novamente aos seus viños na fin de semana do 9 e 10 de xullo na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco). Tras dous anos de obrigado parón pola pandemia, celebrarase a XXIII Feira do Viño de Valdeorras coa participación dunha vintena de adegas: A Coroa, Alán, Adega da Pinguela, O Casal, O Cepado, Adega Terrae, Bodega Cooperativa Xesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Joaquín Rebolledo, Santa Marta, Godeval, A Tapada, Roandi, Sampayolo, Virgen del Galir, Cova da Xabreira, D’Berna, Felipe Mayo Alonso e Hacienda Ucediños.

Dos seus viños brancos e tintos poderá desfrutar o público nun horario de 12:30h. a 14:30h. e de 19:30h. a 23h. no recinto feiral no que ademais se despregará un amplo abano de actividades para todos os públicos: dende actividades e infantís e inchables nos Xardíns da Casa Grande (nos horarios da feira), ata música en directo, catas, graffiti en vivo da man do artista vilamartinés OrdeCaos, propostas etnográficas como o paso dos bois de Mario Nogueiro co cesto carral, como se facía antano na vendimas; e unha gran diversidade de catas (que precisarán inscrición previa no correo electrónico do Consello Regulador D.O. Valdeorras).

Así o daba a coñecer esta mañá o presidente da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, na presentación do programa da mostra xunto ao alcalde do Barco, Alfredo García. O presidente do Consello comezaba destacando as accións promocionais realizadas nos mercados, “onde os nosos viños brancos e tamén os tintos está tendo unha gran acollida, iso ponnos no mapa das Denominacións de Orixe de España e do mundo”. Adiantaba que a feira terá como limiar o día 7 de xullo ás 20:30h. no Teatro Lauro Olmo a representación do espectáculo “Florencio Delgado volve a Valdeorras”, no marco da celebración das Letras Galegas 2022, adicadas a este poeta corgomés.

Ademais o venres 8 de xullo celebrarase a XXIII Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras pola mañá e, pola noite, daranse a coñecer os viños galardoados no marco dunha gala prevista no Complexo Hostaleiro Paladium.

Xa na fin de semana do 9 e 10 de xullo darase paso á mostra propiamente dita e as actividades complementarias da mesma, entre eles cinco catas. Así na xornada do 9 de xullo os viños da D.O. Valdeorras maridaranse nos Xardíns da Casa Grande cos pans e empanadas das IXP Pan de Cea e Pan de Galicia; así como con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas, tamén haberá outra cata co diversos produtos agroalimentarios e o recinto feiral estará animado pola música da Charanga Támega. A partir das 23:15h. soará a música do grupo valdeorrés Los Íñigos.

 

Outro dos momentos d presentación.

 

Xa o domingo a actividade máis destacada será un curso de iniciación á cata de viños e, pola tarde, terá lugar unha cata selección de viñosd e Valdeorras maridados con petiscos elaborados polo Café Teatro Bajo 5.

Na súa intervención García Pando referíase tamén ao cartel promocional da feira, saído dun concurso no que o xurado seleccionaba entre as 45 propostas presentadas, a realizada por Juan Diego Ingelmo Benavente, natural de Burriana (Castellón).

Antes de cederlle á palabra ao alcalde do Barco, García Pando agradecía a colaboración deste Concello na organización do certame e animaba a veciños e visitantes a participar nel. Pola súa banda, Alfredo García amosaba a súa satisfacción “por poder volver á normalidade, logo de dous anos sen poder celebrar a Feira do Viño”. Ademais coincidía co presidente da D.O. en que “os nosos viños brancos, e cada vez máis os tintos” cada vez están máis asentados no mercado internacional. “Estamos no bo camiño e actos como a feira supoñen un festexo e un recoñecemento ao traballo que fan os viticultores e adegueiros ao longo do ano. Este é o colofón de todo ese labor”.

Artigos relacionados

Back to top button