En portadaÚltima hora

A Feira do Viño de Amandi reunirá en Sober a 23 adegas

A pregoeira desta edición será a gaiteira ourensá Cristina Pato, quen ofrecerá un concerto na tarde do 24 de marzo e lerá o pregón na mañá do domingo 25
Imaxe da pasada edición da Feira do Viño de Amandi, en Sober./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras un intenso “Mes do Amandi” cheo de actividades, Sober prepárase para celebrar nesta fin de semana do 24 e 25 de marzo a XXXVIII Feira do Viño de Amandi. Nela poderán catarse os viños de 23 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A súa apertura oficial está prevista para o mediodía do sábado 24 de marzo e correrá a cargo da Adega Guímaro “en lembranza da súa matriarca Concepción Pérez Marcos”. De seguido, actuará o grupo de música tradicional Érbedo.

Xa pola tarde, ás 17h., comezará a precata oficial da mostra na sala de catas da Oficina de Turismo, mentres na feira soará de novo Érbedo e ás 18:30h. tocará a Banda de Música de Sober. A música continuará ás 20h. no Centro Sociocultural de Sober cun concerto da pianista e gaiteira ourensá Cristina Pato, que será ademais a pregoeira desta edición da feira. E, pola noite, na praza do Concello actuarán Os Parentes (ás 22h.) e Gin Toni’s (23:30h.).

 

A gaiteira ourensá Cristina Pato.

 

A segunda xornada da mostra, o 25 de marzo, comezará ás 10:45h. coa Charanga NBA, ás 11h. a Banda de Música de Sober fará un pasarrúas e, media hora despois, será a cata oficial da feira. A banda soberina tocará de novo ás 12:45h. e logo darase paso ao pregón de Cristina Pato. Tras el terá lugar a entrega de premios aos adegueiros galardonados. Durante a tarde volverá a soar a charanga NBA e a partir das 19:30h. haberá baile coa orquestra Suavecito. Nesta edición da mostra, o Concello homenaxeado será o da Pobra de Brollón.

Máis información:
https://osil.info/abrese-a-xxxviii-feira-do-vino-de-amandi-en-sober/

Artigos relacionados

Back to top button