ConcellosÚltima hora

A Feira do Viño do Ribeiro aposta polo enoturismo

Na súa 52ª edición, que se celebrará do 1 ao 3 de maio, presenta novas actividades como unha carreira popular
Brinde ao remate da presentación do programa da 52ª Feira do Viño do Ribeiro.
Brinde ao remate da presentación do programa da 52ª Feira do Viño do Ribeiro.

Con novas propostas coas que busca posicionarse como principal evento enoturístico de Galicia preséntase a 52ª Feira do Viño do Ribeiro, que se desenvolverá do 1 ao 3 de maio en Ribadavia. Entre elas figuran en globo “Brindis por todo o alto con Ribeiro”, a carreira popular “Correndo entre viñedos” ou as catas e obradoiros de cociña que se levarán a cabo ao longo desa fin de semana. Así se destacaba na presentación do programa oficial deste certame, que tiña lugar na mañá do 20 de abril en Ourense.

A pretensión principal da organización é que “toda a familia, dende os máis cativos ata os máis maiores, participe de forma conxunta e poda gozar da Feira do Viño do Ribeiro, inculcando a cultura e os valores do viño a todo o mundo”. Ademais, segundo resaltaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso, con esta mostra faise non só imaxe dos viños desta zona, senón tamén do territorio do Ribeiro.

O programa inclúe tamén multitude de propostas musicais, con concertos como o de Marcos Rodríguez (voz protagonista do musical “Hoy no me puedo levantar”), así como os Sons do Viño (actuacións en diferentes puntos do casco histórico da vila)ou o Festival de Primavera. Haberá asemade actos paralelos como a exposicións de cartaces da feira do viño, visitas turísticas ou actuacións de maxia.

O acto de presentación do programa do certame contaba coa presenza de Marcos Blanco Jorge, alcalde de Ribadavia; Miguel Ángel Viso Diéguez, presidente da DO Ribeiro; Rogelio Martínez González, delegado da Xunta en Ourense da Xunta de Galicia; José Ángel Vázquez Barquero, tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ourense, Jose Manuel Rodríguez, xerente do INORDE, José Prieto Pérez, concelleiro de Cultura, Turismo, Educación e Deporte do Concello de Ribadavia; e Daniel Guzmán Cima, cociñeiro do Restaurante Nova, Ourense – Estrela Michelín.

Artigos relacionados

Back to top button