OurenseÚltima hora

A Feira Internacional de Antigüidades reunirá a 45 expositores en Expourense

A 4ª edición de Antiq Auria celebrarase esta fin de semana e participan anticuarios de España e Portugal

 

Expourense acollerá, do 8 ao 10 de novembro, a 4ª edición de Antiq Auria, a Feira Internacional de Antigüidades que reunirá a 45 expositores procedentes de España e Portugal. Trátase dun evento organizado de forma conxunta polo recinto feiral e a Asociación “Memoria Antiga” de Ourense.

A principal novidade desta cuarta edición será a “gran subasta” que terá lugar o domingo día 10 pola mañá a partir das 12h. Cada expositor cederá un obxecto para subastar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Además, para premiar a fidelidade dos visitantes,  sortearase entre todos un moble revisteiro de caoba dos anos 50.

Os obxectos que formarán parte da mostra dividiranse en tres sectores: antigüidades, coleccionismo e vintage. No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxectos con máis de 50 anos) haberá xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas, etc. Na sección de coleccionismo poderase atopar numismática, filatelia, obcectos militares e relixiosos, ets. Por último está a área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (sec. XX), que se teñen convertido nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares ou negocios.

O horario de apertura da feira será o venres 8 de novembro de 17 a 21h; e o sábado 9 e domingo 10 de 11 a 14:30 e de 16 a 21h. A entrada ten un custo de 2 euros e será gratuíta para menores de 12 anos.

Artigos relacionados

Back to top button