OurenseÚltima hora

a Feira Internacional de Antigüidades reunirá en Expourense a máis de 50 expositores de 5 países

Antiq Auria celebrarase o 26 e 27 de maio con anticuarios de España, Portugal, Francia, Suíza e Arxentina

A fin de semana do 26 e 27 de maio Expourense acollerá a I edición de Antiq Auria, a Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 53 expositores procedentes de 5 países (España, Portugal, Francia, Suíza e Arxentina).

Como punto de encontro para nostálxicos, Antiq Auria presentará multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos entres sectores. O primeiro será o das antigüidades propiamente ditas (obxectos con máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, porcelanas,… Outra área será a do coleccionismo onde se poderán atopar numismática, filatelia, medallas militares, etc. Por último, esta cita conta tamén cun área reservada para os afeccionados aos obxectos vintage (sec. XX), que se teñen convertido nunha moda e nun referente á hora de decorar os fogares.

Participan nesta feira expositores procedentes de todos os puntos de España e tamén expositores franceses e suízos que adoitan participar nos principais mercados centroeuropeos do sector. O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican dende a organizacion, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e lle teña cariño as cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de mercar antigüidades, destacando que o mercado de antigüidades en Ourense é todo un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía. Este é un dos motivos polos que estarán presentes os anticuarios de referencia da provincia e tamén do resto de Galicia.

Ademais de punto de venta, na feira os visitantes terán a posibilidade de taxar ou vender aquelas obxectos antigos que teñen nos seus fogares. Os interesados poderán coñecer o valor/prezo estimado das antigüidades e vendelas se lles resulta de interese.

O horario de apertura do evento será sábado 26 e domingo 27 de 11h. a 14:30 h. e de 16h. a 21h. O prezo da entrada será de 2 euros e gratuíta para menores de 12 anos.

Artigos relacionados

Back to top button