CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A Festa da Pisa de Froxan celebra unha multitudinaria 20ª edición

Tras a demostración de pisado e abandoxado, viña o pregón a cargo do actor galego Josito Porto, e logo o xantar do pisador

Un decembro máis, e xa van vinte, co sequeiro de Froxán (Folgoso do Courel) poñíase en marcha unha nova edición da Festa da Pisa da castaña seca na mañá do 8 de decembro. Abríase a porta desta antiga construción e comezaba entón o movemento de sacos de castaña, mentres os pisadores comezaban a tomar posición xunto ao tallo e numerosas persoas se ían achegando. O característico golpe seco sobre o tallo (un toro de madeira forrado con coiro) marcaba o inicio dunha pisa que se prolongaba ata pasadas ás 13:30h.

A medida que os sacos da pisa se ían baleirando do bandoxo, dábase paso ao seguinte paso do proceso, o abandoxado. Logo as castañas ían depositándose nun cesto e podían ser degustadas polos presentes. Numerosas persoas, moita delas cámara en man, seguían paso a paso este proceso tradicional que con esta festa recupera cada ano a Asociación Fonte do Milagro de Froxán. O ambiente, nunha soleada mañá, estaba animado polo grupo tradicional No Cómbaro (As Pontes). Tamén podía visitarse unha mostra de artesanía e de produtos gastronómicos da zona.

Arredor da unha e media o actor galego Josito Porto subíase ao alto das escaleiras para dar un pregón no que bromeaba cos significados da palabra pisa e no que pedía que se valorase esta celebración e tamén que os visitantes coidasen o entorno. Ademais subliñaba que as castañas tiñan superpoderes e contaba unha historia ao respecto que tiña ao seu fillo como protagonista. Ademais Evaristo Méndez en nome da asociación organizadora daba ás grazas aos presentes e tamén agradecía o labor da xente que traballou para facer posible este evento.

Seguidamente os asistentes comezaban a facer cola para o xantar do pisador, cun prezo de dez euros e cun menú que incluía, por suposto, castañas cocidas, panceta e chourizo, xunto cun saboroso doce de castañas. A festa continuaba pola tarde con demostracións do aserrado de madeira con serra, ademais de pisado e abandoxado. Tampouco faltaba a música e presentábase un libro de “Latinoeuropa” de Miguelanxo Lar.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button