AllarizConcellosÚltima hora

A Festa do Boi de Allariz adáptase á situación sanitara con actividades pero sen boi

As datas programadas son do 29 de maio ao 6 de xuño

Procesión medieval do Xan de Arzúa. Recreación da orixe da Festa do Boi 2019.

 

A directiva da Asociación Cultural Xan de Arzúa vén de facer pública a decisión de adiar a Festa do Boi 2021 de Allariz para o 2022, asegurando que “a situación actual tanto social e económica como sanitaria que vivimos non é a máis axeitada para o desenvolvemento da festa”.

As datas programadas para a Festa do Boi 2021 son do 29 de maio ao 6 de xuño e, aínda que o boi teña que agardar para percorrer de novo as rúas de Allariz, dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa realizarán unha serie de iniciativas para que neses días estea presente na vila.

Así, este ano porase a venda un pano especial da Festa do Boi 2021 que estará dispoñible nos establecementos habituais a finais do mes de maio por un prezo simbólico de 1€. Tamén se levará a cabo unha exposición fotográfica da festa por algunhas rúas de Allariz.

Unha parte importante da festa é a histórica, que ano tras ano congrega o primeiro domingo unha representación teatral na que unha vintena de gremios participan na procesión teatralizada de Xan de Arzúa. Por iso, aínda que neste momento non é posible desenvolver esta recreación histórica, dende a asociación animan, como xa ocorreu no 2020, a que “todas aquelas persoas que así o queiran, saian á rúa o domingo 30 de maio vestidas co traxe do seu gremio”. Os máis pequenos da vila tamén terán algunha que outra sorpresa.

 

Artigos relacionados

Back to top button