En portadaÚltima hora

A Festa do Botelo do Barco ábrese ao mundo do viño concedendo a mención de honra da XX edición a Honorato López Isla

A cita grastronómica celebrarase o 18 de xaneiro e terá ao actor Avelino González como pregoeiro

Honorato López Isla recibirá a mención de honra. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O sábado 18 de xaneiro de 2020 a Festa do Botelo do Barco cumprirá vinte anos. “Unha cifra redonda, que para nós será especial, cos clásicos que non poden faltar e algunha novidade”, aseguraba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación dun programa que máis alá do día grande comezará xa na fin de semana anterior, coa III edición do “Blogtrip do Botelo… Especial Madrid”.

“O encontro de blogueiros é cada dous anos e nesta edición toca”, dixo Marga, adiantando que serán 6 os blogueiros e comunicadores galegos que se desprazarán ao Barco para coñecer como se elabora e sabe o Botelo, co obxetivo de promover o coñecemento da festa e que o público e achegue á vila para degustar o produto nos restaurantes, desfrutando do ambiente festivo do xantar. Ademais, a nivel promocional, o sábado día 11 de xaneiro o programa de RNE5 “Degustar España” con Manuel Moraga emitirá en directo dende o Teatro Lauro Olmo a partir das 12h. “É unha oportunidade única de dar a coñecer a festa e o produto a nivel nacional, como un paso previo á promoción do botelo fóra das fronteiras galegas de cara a futuras accións en Madrid”, dixo a concelleira. Ese mesmo día, 11 de xaneiro, porande á venda as 1.150 entradas desta edición, a partir das 9h. no Teatro Lauro Olmo ao prezo de 18 euros (máximo de 10 entradas por persoa).

 

Margarida Pizcueta co cartel desta edición que fai un guiño á romanización en Valdeorras, seguindo a liña da exposición “In Terra Gigurrorum”. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O cine non faltará nesta edición do botelo, coa proxección do filme La Vida de Brian o xoves 16 de xaneiro en dúas sesións (19 e 2h.); nin tampouco a música, unha das novidades. “Aproveitando que a festa inicia un novo camiño queremos traer a un grupo que leva moitos anos ao servizo da música tradicional como é Milladoiro que actuará o venres 17 ás 21 horas no Tetro Lauro Olmo”.

E nese mesmo espazo, xa o día grande da festa, o 18 de xaneiro a partir das 12h. terá lugar un dos actos centrais: o pregón. Estará  harmonizado musicalmente polo Orfeón Valdeorrés e presentado por Fátima N. Delgado contando con dous protagonistas. Por un lado o pregoeiro, que seguindo a liña das últimas edicións non é do Barco. Avelino González, actor, contador de contos e monologuista, será o encargado de loar as virtudes do Botelo como só el sabe facelo. “Coñecímolo persoalmente este ano no programa de De Perto e fixo un monólogo tan persoal sobre O Barco que pensamos que sería a persoa idónea para dar o pregón”, dixo Marga, adiantando que “leva dende o verán preparando o tema”.

 

Avelino González (na actuación en De Perto), será o pregoeiro desta edición da Festa do Boteo do Barco. /Foto: Ángeles Rodríguez.

 

O outro protagonista do acto será Honorato López Isla (socio fundador de Adegas Godeval), que recollerá a mención de honra en nome das persoas que máis traballaron pola recuperación da variedade godello (Horacio Fernández Presa e José Luis Bartolomé), “porque Valdeorras é viño, pero non calquera viño, e o godello é o que nos diferencia”, dixo a concelleira, explicando que despois de dezanove edicións homenaxeando á xente vencellada ao mundo da gastronomía e restauración, abrirán a mención de honra ao mundo do viño.

Tralo acto no teatro, e acompañados polos grupos de cantos de taberna, que un ano máis actuarán pola tarde por algúns bares da vila), os asistentes collerán rumbo ao pavillón de Calabagueiros para desfrutar o xantar popular. Ese mesmo día o programa da TVG “Aquí Galicia” emitirá en directo dende o Barco a partir das catro da tarde.

Á presentación do programa tamén asistiu o alcalde do Barco Alfredo García quen fixo referencia ao obxectivo de aumentar o número de restaurantes que ofrezan botelo nos seus menús durante todo o mes de xaneiro. “O ano pasado servíronse 450 menús e esperamos seguir aumentando”, dixo. A reunión cos hostaleriros será na vindeira semana.

Artigos relacionados

Back to top button