En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Festa do Botelo do Barco celebra o XX aniversario con 1.300 persoas no xantar do pavillón

Empregáronse 900 kg de botelos, 1.500 chourizos, 700 kg de verdura e 600 de patacas

 

Despois dun mes de promoción e un completo programa de actividades paralelas (encontro de blogueiros, emisións en directo de programas de radio, cine, concertos,…), a XX Festa do Botelo chegaba hoxe ao día grande.

Coa ameaza da chuvia sempre presente, ás 12h. do sábado 18 de xaneiro comezaba no Teatro Lauro Olmo un dos actos centrais da xornada, o pregón, presentado por Fátima N. Delgado e coa actuación do Orfeón Valdeorrés; a mención de honra a Honorato López Isla e a intervención do pregoeiro, Avelino González. E xa a partir das 14:30h. eran as portas do pavillón de Calabagueiros as que se abrían para acoller aos 1.300 comensais que alí se deron cita este ano.

 

Vista xeral dos asistentes ao xantar da XX Festa do Botelo.

 

Ademais do pregoeiro que viña dende Vigo, e do homenaxeado coa familia e amigos, ao xantar oficial acudiron coma sempre alcaldes da bisbarra (da Rúa, Petín, Vilamartín,…), o secretario xeral do PSdeG-PSOE Gonzalo Caballero e o senador socialista Juan Carlos Francisco, entre outros. Tampouco faltaron veciños e visitantes que tiñan xa a súa entrada dende o mesmo día que se puxeron á venda (sábado 11 de xaneiro). Xente de todas as idades que degustou un menú elaborado un ano máis por Mantesil, no que se empregaron 900 kg de botelos elaborados por Embutidos García Marcos, 1.500 chourizos, 700 kg de verdura e 600 de patacas.

 

Camareiros e cociñeiros desta edición da festa gastronómica. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Ademais da comida, amenizada polos grupos que máis tarde participaron na IV Foliada e Cantos de Taberna polos bares da vila, a xente tiña a oportunidade de fotografarse no photocall de Javier Brasa Fotografía instalado no pavillón para a ocasión.

Pola tarde, emitíase dende o Campo da Festa, no Paseo do Malecón do Barco o programa da TVG Aquí Galicia coas actuacións de Abertal, Son do Sil e Sr. Jingles. E xa pola noitiña, os cantos de taberna poñían o broche á xornada.

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/a-festa-do-botelo-2020-en-imaxes/

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button