ConcellosEn portadaÚltima hora

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas, a un paso de ser de interese turístico de Galicia

O acordo conseguido é o paso previo a que a Consellería de Cultura e Turismo leve esta proposta a Consello da Xunta, órgano encargado de resolver este tipo de recoñecemento

Ritual dos Fachós de Castro Caldelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consello Galego de Turismo  vén de avalar que a Festa dos Fachós, de Castro Caldelas sexa recoñecida como de interese turístico de Galicia. O acordo conseguido é o paso previo a que a Consellería de Cultura e Turismo leve esta proposta a Consello da Xunta, órgano encargado de resolver este tipo de recoñecemento.

“A decisión tomouse na reunión onde se valorou, entre outros motivos, a súa singularidade, o seu arraigo ao transmitirse esta tradición de xeración en xeración, así como o feito de que posúa un valor cultural sobranceiro pola súa vitalidade mantendo dos valores tradicionais da festa”, segundo se informa dende a Consellería de Cultura.

Danse así pasos para o recoñecemento desta festividade que se inicia cada 19 de xaneiro dende o adro do Santuario da Nosa Señora dos Remedios, onde se congregan os veciños e visitantes provistos do seu fachón para avanzar nunha gran procesión de lume e palla.

O Consello Galego de Turismo, que está composto por representantes de distintos departamentos da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), das universidades e do sector turístico, tamén informou favorablemente de declaración doutra festas da provincia de Ourense, a Festa da Vendima de Leiro.

Tamén se impulsou o recoñecemento da Festa da Carballeira, en Zas; da Festa da Tenreira Galega, en Láncara; da Romaría de Santa Marta de Ribarteme, en As Neves ou da Romaría do Corpiño, en Lalín. Ademais, na reunión tamén se refrendou a declaración de Folgoso do Courel como municipio turístico de Galicia e se deu participación da solicitude de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística.

Artigos relacionados

Back to top button