CarballedaConcellosÚltima hora

A fíbula romana de Casaio (Carballeda de Valdeorras), “Peza de Maio” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Considérase pouco habitual no noroeste peninsular e vincúlase cun posible enxoval dun enterramento na zona dos Mallos

Fíbula de Casaio./ Foto: Fernando del Río.

 

Un patrón de división de figuras xeométricas compón a súa decoración. Foi elaborada a partir dunha pequena placa cuadrangular de bronce, con remates en forma de bóla, e as súas dimensións (2,66 cm no lado maior por 2,48 cm no menor) fan que sexa practicamente simétrica. Así describen a fíbula (broche de metal usado para suxeitar os extremos dunha vestimena) romana de Casaio (Carballeda de Valdeorras) os investigadores Carlos Tejerizo, Mario Fernández e Diego Torres. Este obxecto, que cualifican de “excepcional”, é a “Peza do Mes” de maio do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Estes investigadores aseguran no texto publicado con motivo da “Peza Mes” que “todos os datos demostrarían” que esta fíbula “é un obxecto de xoiaría de gran calidade, cun uso de materias primas moi sofisticado que precisaría dun coñecemento tecnolóxico moi avanzado. Así mesmo, é moi posible que o obradoiro onde se fixo esta peza se atópase fóra de Casaio, polo que sería un obxecto importado e, polo tanto, un obxecto de certa relevancia social e económica”.

Tamén consideran que a aparición deste tipo de fíbulas esmaltadas é pouco habitual no noroeste peninsular e “semellan ter a súa orixe nno norte da Galicia, Bélxica e as rexións renanas”. Así mesmo os investigadores apuntan neste traballo que, “aínda que con algunhas dúbidas razoables, temos certa seguridade de que a peza pertence ao xacemento coñecido como Os Mallos, dentro da parroquia de Santa María de Casaio”.

 

Parte posterior da fíbula./ Foto: Fernando del Río.

 

Na publicación sobre esta fíbula romana de Casaio tamén se indica que os “paralelos máis importantes destes tipo de pezas están vinculados de xeito directo con espazos funerarios, formando normalmente parte do enxoval de enterramentos individuais. Esta razón lévanos a pensar na presenza dun cemiterio de época romana na contorna dos Mallos e, máis especificamente, no espazo onde se atopou esta peza”.

Os autores tamén agradecen a colaboración da comunidade local na recuperación desta peza e destacan o traballo realizado por Sputnik Labrego.

Artigos relacionados

Back to top button