SanidadeÚltima hora

A finais de abril comezará en Galicia un estudo epidemiolóxico sobre COVID-19

Cada centro de saúde terá asignada unha poboación concreta para estudar coa que contactará telefonicamente. A participación será voluntaria

 

Galicia iniciará a finais deste mes de abril un estudo epidemiolóxico sobre o COVID-19 que contará cun total de 100.000 test, a mostra epidemiolóxica máis grande que se fixo no Sergas. Así o anunciaba tras o Consello da Xunta deste venres o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

O obxectivo deste estudo será o de coñecer cal é a situación e o desenvolvemento da pandemia “cunha mostra moi importante da poboación galega”. Deste xeito, explicou que na última semana de abril se realizará unha primeira onda da mostraxe con 50.925 persoas; e 4 semanas despois recolleranse novas mostras a outras 50.925 persoas. E o Instituto Galego de Estatística será o que determine o tamaño da mostra necesaria para que os resultados sexan representativos por grupos de comarcas e para as sete grandes cidades.

Nesta liña, e a modo de exemplo, destacou as mostras que se levarán a cabo en cada unha das 7 grandes cidades galegas: en Ferrol realizaranse 2.600 mostras, na Coruña 5.800, en Santiago 2.750, en Lugo 2.750, en Ourense 3.400, en Pontevedra 2.700 e en Vigo 6.800.

A poboación obxecto de investigación serán as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e, entre todas elas, elixirase aleatoriamente aos participantes no estudo diferenciados por sexo, idade, grandes concellos e áreas territoriais. O Sergas encargarase da realización dos test e da recollida de información e o Instituto Galego de Estatística enviará o listado de persoas seleccionadas a cada área sanitaria.

No tocante á loxística, o titular da Xunta resaltou que cada centro de saúde terá asignada unha poboación concreta para estudar coa que contactará telefonicamente. Ás persoas que entren no estudo daráselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde para tomarlles a mostra mediante unha punción capilar; e, entre 15 e 20 minutos despois xa se coñecerá o resultado. O titular do Goberno galego salientou que o estudo é “completamente voluntario”. E, no caso de dar positivo, realizarase unha proba PCR para confirmalo e seguirase o criterio clínico.

Esta mostra de 100.000 persoas, segundo Feijóo é compatible coa que faga o Goberno central, o presidente galego incidiu en que o estudo servirá para saber “cal é a situación do virus na nosa Comunidade e poder así tomar decisións tanto no ámbito económico como no social”. Non en van, o estudo dará información útil para planificar medidas de normalización e tamén ter información para estar preparados ante posibles rebrotes.

 

Artigos relacionados

Back to top button