DeportesÚltima hora

“A formación é a información son claves para saír á montaña e evitar accidentes”

Antonio Ulloa Reinoso, médico e instrutor de búsqueda e salvamento en montaña, impartía unha conferencia esta tarde no Concello de Manzaneda

 

Facer montaña é algo que pode ter moitos matices. Non é o mesmo realizar unha ruta de sendeirismo que alpinismo. E neses matices afondaba a conferencia “Camiñando pola natureza. Do Sendeirismo ao Alpinismo en Alta Montaña”, que impartía esta tarde de sábado en Manzaneda Antonio Ulloa Reinoso, licenciado en Medicina e Cirurxía, instrutor de búsqueda e salvamento en montaña, ademais de director e executor do proxecto “27 cimas: A ascensión á cima máis alta de cada país da UE”.

De feito nela facíase un percorrido visual a través de máis de 500 fotografías a viaxes e ascensións realizadas dentro deste proxecto a montañas galegas, do resto de España, de Europa, África, Sudamérica, Islandia e Canadá. Así mesmo, a conferencia tiña unha clara compoñente formativa.

Así o ponente amosaba as diferenzas entre “sendeirismo e alpinismo en alta montaña, hai moita gradación aí. Mesmo no senderismo hai diferentes modalidades, entón trátase de ver a diferenza en canto a risco, en canto a dificultade, para practicar o deporte de montaña”, sinalaba Ulloa, que tamén explicaba que esas diferentes actividades implican, á súa vez, unha preparación física e técnica diferente. “Loxicamente a física dependerá da altura e do tipo de ruta. No caso da técnica hai que ter en conta que non é o mesmo facer unha ruta ao lado de casa, que por unha alta montaña, na que igual hai que escalar, ou en neve ou en xeo”, indicaba.

A maiores disto Ulloa referíase ao equipamento e ao material auxiliar, “en sendeirismo un par de bastóns e nada máis, pero si que cando fas outra actividade en alta montaña, como escalada en xeo ou o que sexa, precisas outro tipo de material específico”.

 

Antonio Ulloa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Formación e información, claves para evitar accidentes

Nos últimos anos ten medrado de maneira notable a afección pola montaña, pero este deporte tamén ten a súa cara perigosa. “A montaña é perigosa, pero iso é unha cousa estatística e lóxica. Antes chegar a ela era máis complicado, hoxe por exemplo podes ir a Pía Paxaro, segundo pico máis alto do Courel, en todoterreo. Polo tanto, se é máis doado que a xente vaia a montaña é máis doado que haxa accidentes”, comentaba Antonio Ulloa.

O ponente tamén concretaba que “o dos accidentes ten como tres patas. Unha é a falta de planificación, a xente non mira a previsión meteorolóxica ou se a mira non lle fai caso, porque de ser así máis do 50% dos accidentes teríanse prevido”. A maiores está o factor da “masificación da montaña” e “a falta de preparación, ademais “é clave a sobrevaloración que facemos, os accidentes pásanlle aos demais”.

 

 

Por iso Antonio Ulloa considera que é esencial a formación e a información. “A xente debería preocuparse de formarse, é dicir, de ter unha preparación. Calquera persoa que vaia á montaña primeiro tería que facer un curso de primeiros auxilios no medio natural e logo un curso de cartografía e orientación. Facendo iso e consultando a previsión meteorolóxica moitos accidentes teríanse evitado”.

Finalmente, Ulloa agradecía o apoio e colaboración do Concello de Manzaneda na realización deste tipo de actividade formativas sobre a montaña, e máis en concreto ao seu alcalde, Amable Fernández; á Protección Civil de Manzaneda e ao responsable desta agrupación, Clemente Pérez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button