CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Fundación Legar pretende crear no Courel un centro de interpretación de música de raíz

A presentación do proxecto terá lugar o vindeiro 4 de xuño na Casa da Cultura de Quiroga

 

A Fundación Legar, entidade creada para difundir, promover e preservar a música de raíz, pretende crear no Courel, en particular na aldea da Seara, (Quiroga) un centro de interpretación deste tipo de música. “Esta aldea, en proceso de rehabilitación, e un lugar idoneo porque conta cun patrimonio arquitectónico que mostra as principais características da arquitectura de montaña, constituíndo un magnifico conxunto de interese etnográfico. Por outra banda, atópase nunha contorna de natureza viva e desbordante de calma, lonxe do bulicio e das présas da cidade, onde pon de manifesto o concepto, hoxe case esquecido, de vivir amodo”, din dende a fundación, impulsada polo gaiteiro e artesán Xavier Blanco.

Este proxecto presentarase o vindeiro 4 de xuño ás 12h. na Casa da Cultura de Quiroga. O obxectivo principal do Centro de Interpretación é “a investigación, conservación, divulgación e a posta en valor do legado cultural e patrimonial de raíz, sempre dende un prisma sinxelo e compresible, adaptándose ao publico que o visite, unindo a sabedoría e a tradición oral en interacción coa contorna, creando así, espazos en calma”, indican dende esta entidade.

A Fundación conta cun amplo número de actividades dirixidas ao publico en xeral, entre as cales, actualmente, teñen programadas: “Representacións Didácticas de música de Raíz”, “Paisaxes Sonoras, Rutas Musicadas”, “Im·Raíz”, “ A Cultura musical do noso Mar” e “Mulleres Raíz”

Xavier Blanco leva máis de 30 anos percorrendo diferentes vilas e parroquias de Galicia gravando e catalogando todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional. Conta con un amplo arquivo sonoro, partituras e fotografías recollido de mestres, músicos, maiores, etc. portadores da música de raíz transmitida de xeración en xeración a través da oralidade. Posúe unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos.

Artigos relacionados

Back to top button