CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A Fundación Otero Pedrayo e a Xunta impulsan un novo premio para estudantes da ESO e Bacharelato

O prazo para a presentación dos traballos rematará o 15 de xaneiro do vindeiro 2022

Asistentes á presentación na sede da Fundación Otero Pedrayo.

 

O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, veñen de presentar a primeira edición do Premio Otero Pedrayo para traballos escritos e audiovisuais en lingua galega, orientado para alumnos da ESO e Bacharelato.

Ao acto asistiron un grupo de alumnos do colexio Franciscanas de Ourense, acompañados de dous dos seus profesores, ademais de representantes de diversas institucións, coma o alcalde de Amoeiro, tenente de alcalde do concello de Ourense, vicepresidente da Deputación, secretaria territorial da Xunta de Galicia e director do IES Otero Pedrayo de Ourense.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López.

 

O representante da Cultura, Educación e Universidade destacou a importancia de “difundir entre as novas xeracións o coñecemento dunha figura coma a de Ramón Otero Pedrayo, caracterizada por unha coherencia e unha constancia admirables na defensa de Galicia e da súa lingua, tanto en tempos de democracia coma en tempos de ditadura en que tal posicionamento supoñía, como a el lle supuxo, a ameaza e o castigo”.

O presidente da Fundación, Eduardo López Pereira, destacou a vocación docente de Don Ramón, como catedrático de instituto, antes que de universidade, e o seu salientable mérito como avanzado investigador no ámbito dos estudos da paisaxe, así como no mundo da produción literaria, tanto no novela, como no teatro e ata na poesía.

Tipos de traballos, categorías e premios

 

Alumnos do colexio Franciscanas de Ourense.

 

Partindo da premisa de que o escritor ourensán é materia de estudo nos institutos galegos, ambas as institucións impulsan este premio para contribuír ao coñecemento da personalidade dun dos membros clave do Grupo Nós e perpetuar así a súa memoria e obra entre os mozos e mozas galegos. O certame ofrece dúas categorías posibles de participación, unha individual e outra en grupo. De ambas as categorías sairán dous gañadores, un para o mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes da ESO e outro para o realizado polos estudantes de bacharelato.

O prazo para a presentación dos traballos rematará o 15 de xaneiro do vindeiro 2022. O premio consistirá nun ordenador portátil, para a categoría individual, e nunha viaxe de estudos dunha xornada de duración, no caso dos participantes en grupo. Os galardóns serán entregados en Trasalba o 5 de marzo, data conmemorativa do nacemento de Ramón Otero Pedrayo

Artigos relacionados

Back to top button