ColaboraciónsCulturaCulturaMúsicaOpinión

A gaita, instrumento limitado?

Artigo de opinión de Dani García, director da Banda de Gaitas Nova Era de Verín

Dani García.

 

“A gaita é un instrumento limitado” foi unha frase que escoitei xa hai anos por algún instrumentista doutro ámbito. Desafortunadamente, quizais se es gaiteiro ou gaiteira escoitaches esta frase tamén. Pero toda a cuestión queda reducida a un mero prexuízo.

Nos últimos anos fomos observando un entramado de novidades tanto a nivel técnico coma a nivel morfolóxico que levan a interpretación coa gaita galega a unha nova dimensión. Dende os conservatorios comezáronse a estudar dixitacións alternativas que pouco a pouco se instauraron nas programacións de referencia e que outorgan ao instrumento dunha versatilidade enorme. Agora, grazas a estas novas técnicas, podemos falar dun tubo melódico cun rexistro de dúas oitavas e media totalmente cromáticas e decenas de posturas que cambian a intensidade de volume de cada nota.

Tamén debemos destacar o traballo dos artesáns por ofrecernos un instrumento refinado, onde podemos atopar gaitas agora mesmo construídas dende a tonalidade de Sib3 ata Sol5 e unha lista de combinacións tonais dos bordóns para non aburrirnos nunha longa temporada de probar e probar…

A gaita non é limitada. Podemos interpretar dende música barroca para frauta de pico ata a muiñeira de sempre, pasando pola música romántica máis expresiva e a música contemporánea máis intimista.

Texto: Dani García.

Artigos relacionados

Back to top button