OurenseÚltima hora

A gala dos VII Premios da D.O. Ribeiro celebrarase o 26 de xuño en Leiro

O xornalista César Lumbreras recollerá o premio “Persoeiro de Honra” desta denominación de orixe
Galardóns da D.O. Ribeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os claustros do Mosteiro de San Clodio (Leiro) acollerán, unha vez máis, a gala de entrega de premios da Denominación de Orixe Ribeiro, prevista para o serán do martes 26 de xuño. “O evento servirá para gozar dos viños da denominación máis antiga de Galicia e nel estarán os profesionais que os levan adiante e que os divulgan: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, prescritores…”, aseguran dende o seu consello regulador.

Nesta sétima edición da gala o xornalista César Lumbreras recollerá o premio “Persoeiro de Honra” da D.O. Ribeiro, pola súa longa andaina de compromiso co mundo agrario e de difusión da excelencia dos seus produtos. Sucede deste xeito a Sarah Jane Evans, Master of Wine, xornalista e escritora británica premiada en 2017; a Cristino Álvarez, gañador en 2016; aos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrella Michelin, distinguidos en 2015; e ao sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca), quen se achegou ao Ribeiro a recoller o “Persoeiro de Honra” no 2014.

Ademais do premio xa apuntado, na Gala da D.O. Ribeiro vanse entregar galardóns nas categorías: “Mellor tarefa de comunicación”; “Muller e Viño”; “Vida entre Vides”; “Mellor viño branco de adega”; “Mellor viño branco de colleiteiro”; “Mellor viño tinto”; “Mellor servizo de viño en restaurante”; “Mellor tenda especializada – viñoteca” e “Mellor taberna – bar de viños”.

Artigos relacionados

Back to top button