OurenseÚltima hora

A Galería Marisa Marimón de Ourense acolle a mostra “Cartografía do esquecemento”

A exposicion inaugúrase maña ás 19:30 horas coa presenza da artista, e estará aberta ata o 25 de xaneiro de 2022

 

Dende o 25 de novembro deste 2021 e ata o 25 de xaneiro de 2022, a Galería Marisa Marimón (Ourense) acollerá a exposición Cartografía do Esquecemento de Ariadna Silva Fernández, unha mostra que nace dunha necesidade persoal por expoñer unha situación agravada exponencialmente ante a falta dunha política forestal eficiente e ante o quecemento global. “É un exercicio de introspección, de curación e de reflexión asociado a un conflito interno provocado pola implicación familiar na industria forestal en décadas pasadas”, explica aa artista adiantando que “existe unha certeza: o bosque atlántico é un legado presente do que aínda somos testemuñas. A dúbida reside en se chegará a ser parte dun futuro colectivo”.

 

 

Así, Ariadna Silva propón unha reflexión sobre as consecuencias provocadas pola industria do eucalipto en Galicia. “A destrución do bosque autóctono galego está causada por diferentes factores políticos, sociais, económicos e ambientais que prexudican tanto á biodiversidade como á preservación da memoria colectiva”, di. O conxunto exponse como un percorrido xeográfico con elementos dialogantes que remiten a unha cartografía, a un caderno de campo e a un álbum de familia que se desfai a medida que o bosque desaparece. A intención é reinterpretar unha situación xeral desde desde un punto de vista particular, subxectivo e lírico.

 

 

O traxecto iníciase nos bosques autóctonos polo seu valor histórico, cultural e paisaxístico: dentro da mitoloxía galega, os castrexos consideraban os carballos e castaños como árbores sacras, fontes de sabedoría e vías de comunicación co máis aló. A esencia litúrxica das carballeiras apréciase na actualidade porque son espazos que adoitan albergar celebracións e festividades, aínda que sexan igualmente consideradas áreas de lecer e desconexión. Por tanto, tamén son lugares nos que habitan recordos colectivos e individuais en perigo de extinción.

 

 

A grandeza e sacralidade do bosque autóctono contemporáneo vese profanada pola presenza do eucalipto, unha especie invasora orixinaria de Australia que se utiliza para fabricar pasta de celulosa e biomasa. A explotación forestal do eucalipto favoreceu a colonización progresiva do monte galego dentro dun contexto de abandono pola ausencia de vontade política. As calidades inflamables do eucalipto resultan moi perniciosas #ante un incendio, polo que o circuíto péchase coa cinza como mostra da destrución e desaparición de todo vestixio. O eucalipto emprende o proceso do esquecemento; o lume intensifícao.

 

 

A inauguraciñón desta interesante mostra será mañá, xoves 25 de novembro ás 19:30 horas, contando coa presenza da artista.

Artigos relacionados

Back to top button