ConcellosO BarcoÚltima hora

“A ‘Galicia infinda’ de Florencio é un universo comandado por figuras coma el, que existe grazas á lingua e á cultura”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausuraba o acto institucional do Día das Letras Galegas no Barco de Valdeorras

 

Este 17 de maio de 2022 o acto central do Día das Letras Galegas celebrábase en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), aldea natal do homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán, pero unha hora antes o Teatro Lauro Olmo do Barco acollía o acto institucional presidido polo recén nomeado presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Ao acto acudían, entre outros, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o senador, Miguel Bautista, os deputados parlamentarios María González Albert e Eduardo Ojea; así como todos os alcaldes de Valdeorras e familiares do intelectual homenaxeado.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García.

 

Precisamente eran as fillas de Florencio (Celia, Carmiña e Maruxa), quenes abrían o acto ao recibir un ramo de flores cada unha de mans do propio presidente da Xunta, que de seguido facía un breve percorrido pola exposición ‘Bebedeira de ensoños’, guiado polo seu comisario o investigador barquense, Ricardo Gurriarán.

De seguido e xa no interior do teatro dábase paso ao acto institucional coa interpretación de Fortuna de poder amar, por parte do arpista Roi Casal que sería tamén o encargado de poñer o broche interpretando o Himno Galego. Como acto institucional que era, foron varias as intervencións e entre medias o músico interpretaba unha terceira peza, Rosa.

 

O presidente da RAG. Víctor F. Freixanes.

 

Sobre o escenario, coa imaxe fixa de Florencio Delgado Gurriarán, o primeiro en intervir era o anfitrión, o alcalde do Barco, Alfredo García, que destacou o traballo realizado na comarca, co apoio das institucións públicas, na consecución desta candidatura para homenaxear ao poeta de Córgomo. “Un nomeamento que foi un éxito dende o punto de vista cultural de toda a comarca, xa que grazas a este ano das Letras de Florencio, Valdeorras está sendo xa coñecida en todo o mundo e iso é importantísimo”.

 

Ricardo Gurriarán, sobriño de Florencio e autor da súa biografía.

 

No seu turno de intervención, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, explicou que cando a RAG pensou no poeta de Córgomo para o Días das Letras Galegas 2022, fíxoo pola calidade e coherencia da súa obra e persoa, pero sobre todo “pola exemplaridade social”. Dixo Freixanes que este ano quixeron “evocar, agradecer, homenaxear ao mundo dos exiliados de México”, engadindo que non é só que Florencio Delgado Gurriarán sitúe a Valdeorras no mapa senón que “Valdeorras ten méritos abondo aínda que tamén é certo que as Letras Galegas teñen unha capacidade de expansión cara ao futuro e de cara ao exterior, importante”.

 

 

Tralo presidente da RAG tomaba a palabra Ricardo Gurriarán, autor da biografía de Florencio e sobriño do homenaxeado, que falaba en nome da familia sen poder evitar emocionarse ao dirixirse ás súas primas, alí presentes. Adicou boa parte da súa intervención a dar as grazas a todos o que fixeron posible que o 2022 fose o ano do seu tío, dende as institucións ata os particulares, asegurando que estaba “emocionado e agradecido porque fixemos un traballo coral”. “Hoxe estamos de festa porque a RAG elixiu a Florencio, un home coherente e comprometido, e ao exilio como elementos a significar”, dixo asegurando que malia as poucas veces que veu a Valdeorras deixou pegada.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

 

Como presidente da Deputación de Ourense, no seu discurso Manuel Baltar lembrou os vencellos de Delgado Gurriarán coa súa Valdeorras natal e coa toponimia xenuína que el reclamou, “A Rúa, O Barco, Rubiá, Petín, O Bolo, Carballeda, Larouco, Vilamartín e A Veiga. Nove concellos que conforman nove latitudes. Un universo marabilloso, un val de vales agarimado por outras serras, presidido pola soberana grandeza de Pena Trevinca, dous mil cento vintesete metros de altitude, a testa erguida da ‘Galicia infinda”. Baltar incluso leu uns versos dos Poemas Mexicanos definindo ao homenaxeado como un “poeta, tradutor, político e animador cultural, sempre firme defensor da identidade de Galicia; desde o seu nacemento, en 1903, no Córgomo, concello de Vilamartín de Valdeorras, ata o seu pasamento, en 1987, en Fair Oaks, California”.

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

 

O encargado de pechar o acto era o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurando que “non se me ocorre mellor maneira de comezar a miña andaina que hoxe aquí, na comarca de Valdeorras, celebrando un día tan importante para Galicia, para a nosa cultura, para a nosa lingua, conmemorando o que empezou hai tanto tempo coa publicación deses Cantares Gallegos que supuxeron un rexurdimento que deu moitos pasos para diante pero que aínda ten que dar moitísimos máis. E eu tamén aí intentarei estar á altura desta encomenda, desta enorme riqueza que supón ter en Galicia unha lingua e unha cultura propias”, dixo.

Diante dun numeroso público que enchía o teatro, Rueda defendeu o legado de Delgado Gurriarán. “Nosa Galicia é máis que toda a Terra. O verso de Florencio Delgado Gurriarán non é, nin moito menos, unha impugnación dos actuais lindes do país, nin unha arroutada imperialista; nin sequera unha hipérbole. A ‘Galicia infinda’ é, pola contra, un universo verdadeiro comandado por figuras coma el, que existe grazas á lingua e grazas á cultura. Acudir estas razóns axuda para entender por que o poeta, e tantos outros exiliados en tempos escuros, mantiveron acesa a chama da nosa cultura alá onde os levaron os pasos do seu exilio.”, dixo chamando a traballar dende as administracións públicas para que o idioma, “coa participación de todos, floreza mil primaveras máis”, concluíu.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button