OurenseÚltima hora

A Galiciencia estréase na primavera con proxectos de 30 centros escolares na Tecnópole, Ourense

Esta edición da feira científica celébrase entre mañá e o venres día 11 coa exposición de 77 proxectos

O cambio climático será o tema central da I edición de primavera da Galiciencia que comeza mañá unha nova etapa, só seis meses despois da anterior edición, que tivo lugar por última vez no outono logo de doce anos.

A edición 2018, dará comezo mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) coa previsión de recibir máis de 2.000 visitas ata o vindeiro venres. Este ano, serán 77 os proxectos expostos, coa participación de máis de 150 investigadores noveis procedentes de 30 colexios e institutos. A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 32 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 29 de Ourense, 9 da Coruña, 5 de Lugo e 2 de Barcelona.

Durante os días 9, 10 e 11 de maio a Tecnópole acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de Secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 27 traballos de Primaria. Todos eles recibirán a visita de grupos escolares procedentes de 36 centros de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes.

No evento, os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e conseguir apoio económico para participar na maior feira científica a nivel estatal (a Exporecerca), na feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao (a Zientzia Azoka) e no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Artigos relacionados

Back to top button