En portadaÚltima hora

A gandeira vianesa Nieves Fernández, protagonista dunha xornada no Consello da Cultura Galega

Titúlase "Nieves Fernández Vidueira. A irmandade coa natureza" e celebrarase o vindeiro xoves en Santiago

A gandeira e artista vianesa Nieves Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Pastora, escultora, deseñadora, fotógrafa, entroideira, nai, veciña de Quintela do Pando (Viana do Bolo) e poeta. Nieves Fernández Vidueira é “unha desas mulleres vinculada a diferentes entidades activas na mellora do rural”, asegura o Consello da Cultura Galega, entidade que escolleu a esta vianesa como protagonista da xornada “Nieves Fernández Vidueira. A irmandade coa natureza”, que se celebrará o vindeiro xoves 20 de outubro en Santiago.

“Este ano 2021 o Consello da Cultura Galega aposta por poñer o foco sobre o rural e as súas mulleres, para recoñecer -a través da súa posta en valor- o seu papel estrutural nunha parte da sociedade da que manan aspectos esenciais da nosa cultura e da nosa identidade”, aseguran dende esta institución.

Esta xornada, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, pretende constituír “un espazo de posta en valor e reflexión sobre a diversidade das contribucións das mulleres do rural, no mantemento dun espazo social, económico e natural, que se amosa vital na Galicia pasada e presente. Nela, o tempo de homenaxe mestúrase con tempo de memoria, de estudo, reflexión e cuestionamentos de futuro”.

Así, a historia de vida de Nieves Fernández Vidueira servirá “como pretexto para reunir unha serie de voces de mulleres vencelladas ao rural, dende as actividades produtivas, dende o tecido asociativo, dende o mundo académico ou dende o institucional. A través das súas palabras e experiencias retratarán a diversidade coa que as mulleres rurais contribúen de xeito decisivo á sociedade galega, tratando cuestións que permitan entender e explicar os seus lugares e posicións no mundo do rural, así como expor e contrastar o xa feito, sen esquecer o que fica por facer”.

Dentro do programa desta xornada, ademais de diversos relatorios, tamén figuran vídeos. Un deles, titulado “Así é a Nieves”, correrá a cargo da súa compañeira e asesora de Unións Agrarias en Viana do Bolo, María Páez Pérez. A xornada concluirá coa proxección do vídeo “O Museo da Nieves, onde a madeira e o fulión cobran vida”.

O programa íntegro da xornada pode consultarse aquí:

http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2021_xornada_nieves_fernandez_vidueira-DEF5.pdf

Artigos relacionados

Back to top button