ConcellosÚltima hora

A Garda Civil detén a un condutor en Vilamartín, tras saltarse dous controis na N-120

O vehículo, no que viaxaban dúas persoas, era conducido na madrugada do domingo por un home de 34 anos veciño do Puente de Domingo Flórez (León)

Na madrugada do domingo 9 de abril axentes da Garda Civil procedían á detención dun condutor por saltarse dous controis na estrada N-120 ao seu paso pola localidade de Vilamartín de Valdeorras. Os axentes estaban realizando un control de seguridade cidadá e déronlle o alto a un AUDI A-3. Nun primeiro momento, segundo se informa dende a Garda Civil, o vehículo aminorou a velocidade, pero seguidamente, o seu condutor, “acelerou bruscamente e invadiu o carril contrario, obrigando a saltar ao garda civil que lle estaba dando o sinal, e iniciando a súa fuga do control a gran velocidade”, segundo se indica dende a Comandancia da Garda Civil de Ourense.

Alertadas as patrullas que se atopaban pola zona, este vehículo era de novo localizado no quilómetro 460,900, polas Forzas do Subsector de Tráfico de Ourense, onde se lle reiteraban os sinais para que se detivese, sen embargo en vez de facelo, incrementaba a velocidade e invadía o carril contrario, “dirixindo a súa traxectoria cara o garda civil, que tamén tivo que apartarse para non resultar atropelado”.

Inmediatamente establecíase un dispositivo de búsqueda do citado vehículo, sendo localizado por patrullas do Subsector de Tráfico da Garda Civil, nun prado próximo ao cruce de Córgomo – Vilamartín de Valdeorras. No vehículo viaxaba unha parella de mozos, sendo o condutor un home de 34 anos veciño do Puente de Domingo Flórez (León). Nese momento procedíase á súa detención por atentado contra os axentes da autoridade e delito contra a seguridade vial (condución temeraria e negativa a someterse ás probas de detección de alcohol e drogas), segundo informa a Comandancia da Garda Civil de Ourense.

Nas próximas horas será posto a disposición do Xulgado de Instrución da Garda de O Barco de Valdeorras (Ourense).

Artigos relacionados

Back to top button