ConcellosÚltima hora

A Garda Civil detiña ou investigaba no 2021 en Galicia a 28 persoas en relación con incendios forestais

Por provincias, Ourense acumulaba 13 detidos ou investigados, o que supón o 46% do total da comunidade

Imaxe dun dos incendios forestais rexistrados no 2021 en Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Delegación do Goberno en Galicia vén de informar neste sábado dun total de 28 persoas detidas ou investigadas por incendios forestais na comunidade durante o ano 2021, por parte da Garda Civil. “O período con maior actividade foi de maio a setembro, onde se rexistraron 19 detencións, aglutinando case o 70% das actuacións de todo o ano. Por meses, destaca o de maio, con 7 persoas detidas ou investigadas (5 en Ourense, 1 na Coruña e outra en Lugo). Marzo, abril, xuño, xullo, agosto e setembro acumularon o mesmo número de detencións mensuais, 3.

Por provincias, Ourense acumulou 13 persoas detidas ou investigadas, o que supón o 46% do total de Galicia. Séguenlle, por orde, Lugo con 7, A Coruña con 5, e Pontevedra con 3.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quixo agradecer “o intenso traballo e entrega dos axentes deste corpo na loita contra o lume e na investigación das súas causas”.

Así mesmo, sinalba que o “Executivo seguirá prestando a máxima colaboración na prevención e loita contra os incendios forestais alí onde sexa necesario en Galicia co obxectivo de minimizar a afección dos lumes e, sobre todo, garantir a seguridade da poboación”.

Esta cooperación esténdese á investigación das causas dos lumes, “na que a colaboración cidadá é moitas veces chave para identificar os autores”. Neste sentido, o delegado quixo lembrar a importancia de avisar aos Corpos e Forzas de Seguridade sobre calquera imprudencia ou conduta incendiaria para facilitar as investigacións e a detención dos posibles autores.

Artigos relacionados

Back to top button